publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerdaPorto do Son
A-
A+
Ethel Vázquez en Porto do Son

Ethel Vázquez en Portosín

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou esta mañá en Porto do Son a licitación hoxe mesmo das obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao Peirao de Portosín, que permitirán eliminar un treito de concentración de accidentes cun investimento de máis de 500.000 euros.

Vázquez Mourelle, que mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, explicou que a publicación hoxe da licitación da obra na Plataforma de contratos abre o prazo para a presentación de ofertas ata o 16 de xullo, o que permitirá a Xunta iniciar os traballos a finais deste mesmo ano, e ter as obras rematadas o verán do vindeiro ano, 2019.

A titular do departamento de Infraestruturas referiuse a necesidade desta actuación para unha zona clave no concello de Porto do Son e do núcleo de Portosín, dado o elevado numero de vehículos pesados que acceden ao porto e o incremento significativo do tráfico en verán. Intervención, engadiu, que incidirá positivamente nos veciños ao aportar maior seguridade viaria e mellora a súa mobilidade e a súa calidade de vida.

Explicou que a actuación acométese atendendo ás demandas dos veciños, nun punto, onde conflúen o propio acceso ao Peirao pola Travesía da Igrexa, a estrada autonómica AC-550, e a Avenida da Constitución, que está identificado como un treito de concentración de accidentes (TCA) e incluído dentro da estratexia da Xunta para eliminar todos os puntos negros das estradas autonómicas.

Destacou que se trata dunha actuación imprescindible, xa que a intersección se atopa nunha curva de radio reducido, con pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan á AC-550 desde a Travesía da Igrexa. E detallou que para mellorala, o seu departamento redactou un proxecto que prevé a construción dunha glorieta nesta intersección, que vai permitir calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura.

A conselleira sinalou que na intervención tense previsto tamén reorganizar e urbanizar o espazo sobrante entre a AC-550 e a Avenida da Constitución, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e habilitar aquí unha zona de aparcadoiro, para atender á demanda existente. Ademais, engadiu, executarase unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexa, para facilitar o acceso desde o aparcadoiro, e tamén se crearán novos pasos de peóns, instalarase novo alumeado e adecuarase a rede de pluviais á nova superficie.

En definitiva, en palabras da propia conselleira, se trata dunha intervención moi importante para garantir a seguridade viaria e coa que se pretende ir un pouco máis alá, aproveitando a actuación para atender a outras demandas veciñais.

Finalmente Ethel Vázquez salientou a aposta clara do Goberno galego por reforzar a seguridade nas estradas de titularidade autonómica, materia absolutamente prioritaria para a Xunta, e que ten o seu marco no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020. Plan, remarcou, que recolle medidas e actuacións concretas, como as que se están a proxectar e impulsar en Porto do Son, e que teñen como obxectivo último reducir nun 50% as vítimas mortais das estradas galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011.

19 de xuño de 2018 | 15:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.