publicidade hoxe

Balseiro avalía con ACISA as novas accións que financia a Xunta para dinamizar o comercio de Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRibadeo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión de traballo coa nova directiva da asociación ACISA de Ribadeo na que avanzaron novas liñas de colaboración da administración autonómica con este colectivo dirixidas a dinamizar o comercio de proximidade.

Balseiro explicou que ademais dos apoios periódicos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega a este colectivo para o funcionamento do Centro Comercial Aberto (CCA) hai previstas outras liñas de colaboración que se desenvolverán nos vindeiros meses.

Así por exemplo, a través da Dirección Xeral de Comercio, desenvolverase unha campaña conxunta con ACISA para a distribución de bolsas de papel en catro tamaños (pequenas, medianas e grandes, ademais dunha especial para o viño) Terán un deseño innovador no que estará claramente identificado Ribadeo como cidade comercial.

Este material repartirase na última semana de xuño para que poda ser aproveitado polos comerciantes durante o verán e, a entrega deste material, ademais do correspondente aforro para os establecementos contribuirá a sensibilizar sobre a progresiva supresión das bolsas de plástico neste tipo de distribucións comerciais e substitución por estes modelos biodegradables e máis respectuosos co medio ambiente.

A Xunta tamén financiará, neste caso a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, varias actuacións musicais e culturais vinculadas a datas sinaladas para o comercio ribadense. Así por exemplo, na localidade de Rinlo –un dos espazos turísticos máis destacados do municipio- contribuirase á celebración da festa de San Pedro (29 de xuño) cun espectáculo de queimada tradicional a cargo do Bruxo Queiman.

E un ano máis, a Xunta colaborará o 9 de agosto, coa tradicional Noite Fluor, que ACISA organiza todos os anos con grande éxito, e que se configura como unha noite aberta na que o comercio abre fora do seu horario habitual e oferta diferentes promocións. Neste caso, a administración autonómica contribuirá a reforzar as actividades complementarias previstas coa visita de Os Bolechas, unha actividade dirixida ao público infantil, contando con estes personaxes de debuxos.

7 de xuño de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.