publicidade hoxe

A Xunta promove o patrimonio natural de Galicia na Semana Verde de Silleda cun programa de actividades lúdicas e didácticas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+
Stand de Medio Ambiente na Semana Verde

Stand de Medio Ambiente na Semana Verde

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio promoverá o patrimonio natural de Galicia no marco da Feira de Caza, Pesca e Natureza, un dos eventos que se desenvolve en paralelo á Semana Verde de Galicia que se inaugura hoxe en Silleda. A consellería disporá do seu propio expositor na feira, un espazo promocional desde o que se pretende estimular a busca dunha relación de identificación persoal coa natureza.

O obxectivo é atraer a este espazo, a través dun amplo programa de actividades lúdicas e didácticas de carácter gratuíto, a preto de 250 rapaces, entre escolares de varios centros de Primaria con visitas programadas e o público infantil que se achegue ata a feira.

Para eles, o departamento autonómico programou, entre hoxe e o domingo, unha serie de accións de educación e sensibilización ambiental co fin de divulgar os valores dos chamados espazos IMAN de Galicia, é dicir, aqueles espazos naturais protexidos da comunidade que se caracterizan por ter un alto valor medio ambiental, así como por ser os máis coñecidos dentro do imaxinario da poboación galega e da xente que nos visita desde outros lugares.

Entre as actividades programadas figuran, entre outros, talleres de mandalas naturais, tiro con arco, elaboración de caixas niño para morcegos e paxaros ou creación de cadernos de campo con material reciclado. Para o público en xeral tamén haberá iniciativas específicas como a titulada Aprendizaxe para a busca de estrelas, Aprende a educar o teu can en 20 trucos e mesmo espectáculos de maxia natural.

Entre os centros escolares invitados a participar nos obradoiros figuran o CEIP A Golada, o CEIP Camiño Inglés de Oroso ou o CEIP de Silleda. Así mesmo, o expositor da Consellería de Medio Ambiente tamén contará coa visita de dous invitados especiais: Aldeas Infantís de Vilagarcía e o alumnado de COGAMI de Silleda.

Por último, o domingo 10 de xuño celebrarase a fase final do primeiro concurso infantil de canción sobre a natureza ON (Operación Natureza). Trátase dunha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural entre os colexios co fin de promover, difundir e fomentar os valores dos espazos naturais de Galicia a través da creatividade musical.

7 de xuño de 2018 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.