A Xunta promove alternativas de ocio xuvenil repectuosas co medio ambiente co proxecto Quero-Eco da Asociación Vella Escola
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, felicitou hoxe aos mozos e mozas que participaron no proxecto ‘Quero-Eco’, levado a cabo pola Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e que tamén contou coa participación das entidades Cogami e Down Compostela. Ao redor de 60 persoas implicáronse nesta proposta subvencionada pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa Iniciativa Xove 2017.
A responsable das políticas de xuventude do Goberno galego salientou o carácter innovador deste proxecto co que “se acadou que a xente nova diferentes mensaxes positivas sobre o coidado do medio ambiente, propoñendo alternativas de ocio respectuosas co medio natural e que unen a cultura urbana e o medio ambiente”. Neste sentido, a través de ‘Quero-Eco’ se levaron a cabo diferentes actividades que consistiron nunha xornada de cultura urbana con obradoiros participativos dirixidos a mozos e mozas entre 16 e 35 anos, a elaboración dun mural ecolóxico colectivo utilizando pintura fotocatalitica e antipolución e compuxeron unha canción de rap con mensaxe a prol da conservación do medio natural.
Precisamente, Cecilia Vázquez coñeceu en persoa o resultado destas iniciativas durante unha visita ás instalacións da empresa Trameve no polígono do Tambre, que cedeu espazo para pintar o mural ecolóxico e na que se proxectou esta mañá un vídeo divulgativo sobre a importancia do coidado e preservación da nosa contorna natural.
O proxecto ‘Quero-Eco’ é un dos 119 financiados pola Administración autonómica a través da acción Iniciativa Xove 2017, que supuxo un investimento total de 545.000 euros e a participación directa de máis de 600 mozos e mozas. A directora xeral explicou que se trata dunha intervención pioneira a nivel de todo o Estado que “permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, pois a administración non lles indica o que teñen que facer e se limita a pedirlles propostas para despois apoialas co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil”, apuntou.
Neste programa poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas. A Xunta financia o cen por cento dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de 5.000 euros. Ademais, todas as entidades e grupos aos que se lles concede a axuda e o solicitan reciben un anticipo do 80% sobre o total da contía concedida.
Na convocatoria do ano 2017 introducíronse como áreas prioritarias a ter en conta positivamente na valoración dos proxectos a promoción de hábitos saudables e prevención de conductas de risco ou violentas, a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a inclusión social e laboral dos colectivos con dificultades de integración e especialmente vulnerables, a valorización do patrimonio cultural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a xente nova.