publicidade hoxe

A Xunta licita a construción do novo centro de saúde do Pereiro de Aguiar por 1,1 millóns de euros

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licita hoxe o proxecto de construción do novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar (Ourense), por procedemento aberto e tramitación ordinaria. O orzamento previsto para a construción desta nova infraestrutura sanitaria é de 1,124.785, 87 euros e o prazo máximo de execución, unha vez adxudicada a obra, de 16 meses. Este novo centro contará cunha superficie construída de 682,17 m2.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa presentou hai uns meses o proxecto de construción deste novo edificio da rede sanitaria pública galega. A superficie quedará distribuída nunha entrada con vestíbulo con espazo para padiolas e recepción, entre outras. Na área deasistencia sanitaria de adultos contémplanse tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha consulta da muller con aseo, unha sala polivalente e unha sala de espera. Na área pediátrica haberá unha consulta de pediatría, unha de enfermería pediátrica e unha sala de espera.

O novo edificio sanitario de Pereiro de Aguiar contará tamén cunha área de persoal/administración, con sala de xuntas, aseos e vestiarios, ademais doutros espazos con servizos comúns como aseos públicos adaptados, aseos de pediatría con cambiadores, almacén de residuos sanitarios, entre outros.

O concello de Pereiro de Aguiar ten na actualidade 3.499 tarxetas sanitarias adscritas, das que 276 son de pacientes en idade pediátrica.

As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións é de 26 días naturais, rematando o devandito prazo o 9 de xullo.

11 de xuño de 2018 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.