publicidade hoxe

A Xunta identifica castiñeiros resistentes á avespiña como complemento á loita biolóxica fronte esta doenza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarallaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Medio Rural está a intensificar a loita contra a expansión da avespiña do castiñeiro a través da loita biolóxica, de medidas silvícolas e de actuacións relacionadas coa mellora xenética, coa identificación de árbores resistentes á doenza. Así o explicou hoxe a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, no acto de solta do parasito Torymus Sinensis na localidade luguesa de Baralla. Este insecto utilízase para facer fronte á avespiña, xa que parasita as súas postas e limita a súa proliferación nos soutos.

Ángeles Vázquez sinalou que Medio Rural, a través do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, logrou confirmar, mediante ensaios controlados en laboratorio, que existen clons híbridos de castiñeiro que resisten esta praga. A identificación destes híbridos resistentes ou tolerantes é fundamental para a elección dos materiais xenéticos de reprodución en viveiro e tamén é aplicable ás novas plantacións.

No CIF de Lourizán instalouse no ano 2015 un insectario-invernadoiro para poder traballar con pragas e avaliar a tolerancia de distintos materiais. A continuación, fóronse incluíndo materiais xenéticos que foron sometidos a un elevado grado de ataque mediante infestación obrigada. As avaliacións e análises estatísticos mostran que existen clons híbridos de castiñeiro resistentes ao ataque da avespa, algúns deles moi empregados no sector e que son tamén ben valorados pola súa resistencia á tinta.

Variedades tradicionais

As 24 variedades tradicionais produtoras de castaña avaliadas ata o momento no CIF de Lourizán foron sensibles ao ataque da avespa do castiñeiro. Sen embargo, algunhas delas mostraron un menor nivel de infestación, e por tanto un maior nivel de tolerancia, como foi o caso de ‘Amarela’ ‘Amarelante’, ‘Garrida’, ‘Negral’ e ‘Porteliña’. Debe terse en conta, en todo caso, que estas conclusións deben ser confirmadas no seguinte ano de infestación e contrastados en campo.

En breve, O Centro de Investigación Forestal de Lourizán achegará estes resultados mediante a publicación dun tríptico divulgativo para que o sector poida dispoñer desta información dun xeito máis detallado. Nel incluiranse ademais datos contrastados de ditas coleccións en campo, principalmente no caso das variedades tradicionais no que se está avaliando o grado de infestación na plantación da colección de variedades localizada en Sergude (Boqueixón).

Loita biolóxica

Todo este traballo no eido da xenética complementa a loita biolóxica que se realiza mediante a liberación do parasitoide Torymus Sinensis, tal e como se fixo hoxe en Baralla, como parte dos labores que se están a desenvolver por toda Galicia. Só na provincia de Lugo soltáronse xa este ano arredor de 264.000 individuos.

Nos territorios de Lugo e Ourense é onde máis soltas se levaron a cabo nos dous últimos anos, tendo en conta a importancia que ten o cultivo da castaña en ambos casos. No que atinxe á provincia lucense, as liberacións multiplicáronse por cinco entre 2017 e 2018, pasándose duns 52.000 individuos aos devanditos 264.000 deste ano.

Esforzo orzamentario

A conselleira do Medio Rural salientou neste acto que o seu departamento destina este ano 4,2 millóns de euros á sanidade forestal, case o dobre que no 2017. Este esforzo orzamentario ten como obxectivo fundamental protexer a riqueza dos nosos montes e contribuír así ao mantemento dos aproveitamentos forestais dun xeito sustentable, como fórmula para a xeración de riqueza e emprego no medio rural de Galicia. Estes fondos dedícanse principalmente a loitar contra diferentes enfermidades forestais como a propia avespiña do castiñeiro, o chancro que afecta a esta mesma especie ou o gorgullo do eucalipto, entre outras.

12 de xuño de 2018 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.