publicidade hoxe

A Xunta ampliará nunha unidade a escola infantil de “A Galiña Azul” en Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeiraLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, acometerá a ampliación nunha unidade da escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” no concello coruñés de Cedeira.

Esa actuación permitirá aumentar a oferta do centro en 20 prazas, ao pasar de 58 (4 unidades) a 78 prazas (5 unidades), elevando a taxa pública de cobertura para nenos de 0 a 3 anos no municipio e paliando a lista de agarda que soportou esa escola nos últimos cursos; concretamente, no curso 2017-2018, de 21 nenos.

Compre lembrar que no ano 2015 xa existía un acordo para a ampliación da escola infantil de Cedeira co seu anterior Goberno local en torno a un proxecto elaborado polo Concello. Despois de manter varios encontros nos últimos meses coa corporación municipal, e logo de valorar a posibilidade de acceder agora a fondos comunitarios para esa actuación, o xerente do Consorcio optou por acometer non só a ampliación nunha unidade, senón tamén unha importante reforma do centro.

Así pois, o Consorcio, que xa remitiu ao Concello de Cedeira o convenio de colaboración para poder levar adiante as obras, aumentará por exemplo o espazo das aulas, realizará unha reforma completa da cociña, instalará elementos de protección no desnivel interior entre plantas ou instalará un sistema de ventilación natural na área de descanso para nenos de 0 a 1 anos, melloras todas elas que se traducirán nunha mellora notable na prestación do servizo, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños do concello e da súa zona de influencia.

De feito hai que ter en conta, sempre dende unha perspectiva e planificación dos investimentos supra-municipal, que o centro cedeirense -subrogado polo Consorcio no ano 2009- cubre tamén a demanda dos pais e nais doutros concellos da área que non dispoñen de ningún recurso público para nenos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

As obras suporán en total un investimento de 141.337,70 euros, dos que o Consorcio desembolsará 100.000 (cunha achega do 80% dos Fondos Feder) e, o montante restante, corresponderalle ao Concello, de acordo co modelo de co-financiamento establecido no Acordo Marco aprobado pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para este tipo de centros dependentes do Consorcio.

18 de xuño de 2018 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.