publicidade hoxe

A Xunta amplía o Xantar na casa coa adhesión do concello de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio co Concello de Ames

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio co Concello de Ames

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Ames, José Manuel Miñones Conde, formalizaron hoxe a incorporación do municipio coruñés ao programa ‘Xantar na Casa’, servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades tanto das persoas maiores como das dependentes. O conselleiro e o primeiro edil mantiveron hoxe nas dependencias administrativas de San Caetano unha xuntanza de traballo que tamén serviu para repasar e poñerse ao día sobre a situación dos programas e recursos sociais existentes en Ames que dependen ou nos que participa a Xunta de Galicia.

No que atinxe a “Xantar na Casa”, coa adhesión de Ames son xa 168 os concellos que forman parte deste iniciativa da que se benefician unha media de 1300 persoas. A través da mesma se subministra en calquera punto do territorio galego menús preparados para toda a semana a persoas con déficit de autonomía, maiores, dependentes ou persoas en situación ou en risco de exclusión, que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmos. Trátase dun programa cofinanciado pola administración e os beneficiarios, no que a Xunta de Galicia sufraga aproximadamente o 50% do importe de cada menú, outro 25% o paga o concello e, o 25% restante o usuario.

Rey Varela salientou as vantaxes de ‘Xantar na Casa’ que, ademais de garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, “posibilita que o usuario se manteña na súa casa e propicia unha mellor coordinación cos servizos sociais municipais, o que é moi importante para detectar situacións de necesidade ou emerxencia que doutro xeito serían difíciles de coñecer”, manifestou.

Nesta liña, o responsable da área social do Goberno galego apostou por seguir reforzando o ‘Xantar na Casa’, enmarcando este obxectivo no impulso aos programas e servizos de atención aos maiores que manifestan a súa preferencia por permanecer nos seus domicilios ou contornas familiares. De aí o incremento en todos os concellos dos recursos económicos destinados a potenciar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que no caso de Ames foi do 62,5% nos últimos tres exercicios o que equivaleu a poñer a disposición do ente local case 17.000 horas máis dunha prestación que arestora rexistra nesta localidade unha ratio de atención de aproximadamente o 90%.

O conselleiro e o primeiro edil de Ames amosaron a súa disposición a continuar neste camiño de colaboración e coordinación entre institucións na procura de contar coas mellores políticas sociais e prestar uns servizos de proximidade e calidade. De feito, o encontro desta mañá foi aproveitado polo rexedor coruñés para presentar a Rey Varela sendos proxectos para un centro de día e un novo recurso de inclusión.

4 de xuño de 2018 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.