Turismo de Galicia mobiliza 360.000 euros para reparar os danos causados polos últimos temporais no Camiño Francés
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe 11 convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Francés. Coa súa sinatura, o Goberno galego mobiliza un investimento de preto de 360.000 euros para levar a cabo actuacións urxentes de reparación no Camiño Francés debido aos danos causados polas choivas e os temporais dos últimos meses.
A Xunta de Galicia achegará o 77% dos fondos necesarios para desenvolver estas accións, mentres que o restante será aportado polos concellos. Esta actuación permitirá que estea en perfectas condicións ante a tempada estival, cando se recibe maior volume de peregrinos.
“O Camiño de Santiago é unha obra en permanente mellora, un espazo vivo. Por iso, desde Turismo de Galicia acondicionamos os tramos que se van deteriorando co paso do tempo e actuamos con especial énfase cando, como neste caso, as condicións meteorolóxicas dun inverno moi duro afectan ao trazado”, sinalou Nava Castro a propósito desta sinatura.
En concreto, os convenios beneficiarán aos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei, na provincia de Lugo, e Melide, Arzúa e O Pino, na provincia da Coruña. Afóndase deste xeito no amplo compromiso de cooperación do Goberno autonómico cos concellos do itinerario xacobeo máis percorrido. O Camiño Francés, que o vindeiro outono cumprirá 25 anos desde a súa declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco, segue a ser o favorito dos peregrinos. Dos preto de 64.000 que recibiron no que vai de ano a Compostela, o 56,6% procedía do Camiño Francés.
Reforzo ao Plan director
Nava Castro lembrou que o Estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago, que realiza a Universidade de Santiago de Compostela por iniciativa da Xunta, está a amosar o altísimo nivel de satisfacción dos peregrinos, pois un 64% afirma que a experiencia foi mellor ou moito mellor do inicialmente agardado e o 98,6% recomendan facela a outras persoas.
“Estes 11 convenios de colaboración vainos axudar a manter estes niveis de satisfacción”, declarou a directora de Turismo, quen lembrou que estas medidas engádense ás previstas no Plan director do Camiño de Santiago, do que xa se ten executado máis da metade.