publicidade hoxe

O DOG publica a transferencia ao concello de Sanxenxo das beirarrúas da Rúa Progreso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaSanxenxo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto polo que se aproba a transferencia ao Concello de Sanxenxo das beirarrúas da rúa Progreso, na estrada autonómica PO-308 que comunica Pontevedra con A Lanzada e que atravesa o núcleo urbano de municipio, entre o cruce coa rúa de Madrid e a glorieta de intersección coa PO-504.

Coa publicación do cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo, aprobada en Consello da Xunta o pasado 12 de abril, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda segue a avanzar na materialización do convenio de colaboración asinado co concello para a remodelación desta rúa, cunha achega da consellería de máis de 1,8 millóns de euros e que supón un investimento total de máis de 2,5 millóns.

Coa urbanización da Rúa Progreso, se acadará unha importante mellora na fluidez do intenso tráfico que circula por esta vía e incrementará a seguridade, a accesibilidade e a integración urbana da mesma e o seu desfrute polos peóns, con beirarrúas máis anchas, aparcadoiros ordenados e xardíns.

O Concello de Sanxenxo manifestou á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o seu interese polo cambio de titularidade da zona de dominio público deste travesía, toda vez que a Administración autonómica colabora co concello na humanización completa desta rúa.

Dado que este treito está considerado coma urbano e que a Lei de Estradas de Galicia establece que se cumpre as condicións do cambios de titularidade, os servizos competentes da Xunta informaron favorablemente a cesión á administración local de todo o dominio público, a excepción da calzada e beiravías, no treito da PO-308 situado entre os PPQQ 16+050 e 17+320 (intersección en glorieta coa PO-504).

Segundo publica o DOG, o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo producirá efectos dende mañá.

Polo tanto, unha vez tramitada a transferencia, a Xunta de Galicia mantén a titularidade dos carrís de circulación que forman a calzada e das beiravías, sendo competencia do concello o resto do dominio público.

Co cambio de titularidade, o Concello de Sanxenxo poderá actuar sobre os elementos que se transfiren, que pasan a ser de titularidade municipal, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, e reducirá as cargas administrativas sobre os cidadáns das zonas polas que discorre.

3 de maio de 2018 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.