publicidade hoxe

O DOG publica a apertura do proceso de participación pública para a supresión dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio que marca o inicio da apertura do proceso de participación pública para a supresión dun treito de concentración de accidentes na estrada que comunica Marín con Rande, a PO-551, ao seu paso polo Concello de Bueu, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

O proxecto de mellora de seguridade viaria ten como obxectivo reducir a sinistralidade nesta estrada e, segundo ven de publicar o DOG, os interesados teñen de prazo para facer as súas propostas e suxestións ata o vindeiro 3 de xullo.

Deste xeito, tal e como adiantou onte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, este mesmo ano se procederá ás expropiación necesarias para a execución das obras que se licitarán no primeiro semestre de 2019, cunha achega da Xunta de 1,3 millóns de euros.

A actuación da consellería consistirá na eliminación do treito de concentración de accidentes de Bueu para o que prevé a construción de 2 glorietas, no acceso á praia de Lapamán e na intersección existente cunha estrada provincial, preto da baixada á praia de Agrelo, onde tamén se mellorará a intersección.

Tamén inclúe unha serie de actuacións complementarias, como a limitación da velocidade a 50 km/hora no treito entre as dúas glorietas e o reforzo da sinalización dos pasos de peóns nas parroquias de Cela e de Bueu, instalándose semáforos intelixentes.

Neste senso, cumpre lembrar que adicionalmente, e de forma inmediata, a consellería actuará para reforzar a sinalización dos pasos de peóns mentres se tramita o proxecto para reducir a sinistralidade nesta estrada.

22 de maio de 2018 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.