O 90% dos internautas galegos considera preciso dispor de máis información sobre ciberseguridade
A ciberseguridade preocupa aos galegos e o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede. Esta é unha das principais conclusións do primeiro estudo “Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O obxectivo deste informe, o primeiro deste tipo que realiza a Administración autonómica é analizar o coñecemento en materia de ciberseguridade na sociedade galega.
O menor grao de confianza rexistrado en España
O 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet. O grao de confianza dos galegos que navegan a través da Rede é a menor dos rexistradas en España, situándose 5,5 puntos porcentuais por baixo da media española.
Ademais un 28,9% dos está moi preocupado pola privacidade en Internet e amósase preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas.
Preto da metade sufriu incidentes de seguridade en Internet
O 47,4% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%,) seguidos pola perda involuntaria de información (12%).
Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 67,2% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto (dirección, número de teléfono ou e-mail) e un 60,7% proporcionaron datos persoais (número do documento de identidade, data de nacemento,…). Ademais, catro de cada dez internautas (43,9%) facilitaron detalles de pago (por exemplo, número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias).
A importancia das medidas de seguridade e privacidade
O 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade. A diferenza coa media española (71,8%) é de tan só 2,7 puntos porcentuais, aínda que en termos globais, sitúa aos internautas galegos nos últimos postos en canto ao uso de medidas de ciberseguridade.
Entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas polos internautas galegos, cabe salientar a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos internautas galegos (51,1%) realizan regularmente copias de seguridade da súa información persoal.
No caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tablets, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).
A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes WIFI ás que se conectan. Así, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes WIFI distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes WIFI con seguridade.
En relación ás cookies, as aplicacións que se instalan nos equipos dos usuarios e recaban información deles, un 64,1% dos internautas galegos manifesta que coñece as cookies, dos cales, máis da metade indicou que directamente deixou de navegar polos sitios web que empregan cookies.











