publicidade hoxe

Francisco Conde: “o nivel dos proxectos de Galiciencia demostra que existe talento na Comunidade”

Francisco Conde en Galiciencia

Francisco Conde en Galiciencia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá na Tecnópole a 13ª edición de Galiciencia, na que asegurou que o rigor e o nivel tecnolóxico dos proxectos presentados son a mostra de que existe talento na Comunidade.

Conde sinalou que se trata dun evento consolidado e que xa é un referente nacional. Nesta edición, que por primeira vez se celebra durante a primavera para seguir a tendencia deste tipo de certames e adaptarse ao calendario escolar, participan un total de 77 traballos de 150 investigadores noveles de Primaria, Secundaria e Bacharelato de 30 centros galegos e dous de Cataluña.

O conselleiro explicou que, cando finalice esta edición -adicada ao cambio climático-, terán pasado por Galiciciencia, desde a súa primeira convocatoria en 2006, máis de 25.000 persoas e 700 proxectos, o que, segundo o conselleiro, é unha mostra de como este evento está contribuíndo a que Tecnópole consolide o seu posicionamento no eido da divulgación, da ciencia e da innovación.

Conde destacou, precisamente, a aposta que desde o Goberno galego se está a facer por impulsar o talento científico e innovador na Comunidade e referiuse a un dos obxectivos recollidos no Plan Galicia Innova 2020 centrado en espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor e de creatividade dos máis novos. Neste sentido, explicou que en Galiciencia estas metas estanse a cumprir xa que os gañadores do pasado ano acaban de recibir o primeiro premio de Exporecerca e serán os representantes españois en Expo Science Europe, mentres que os gañadores do segundo premio da edición anterior recibiron o primeiro posto na feira vasca: “É posible que hoxe teñamos aquí a futuros candidatos de programas como Oportunius, Principia ou Ignicia”, asegurou o conselleiro.

Ignicia

Como mostra do compromiso do Goberno galego coa investigación e a innovación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, abre desde hoxe e ata o vindeiro 1 de xuño a segunda convocatoria do programa Ignicia, tras a súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Nesta ocasión, apoiaranse con 3 millóns de euros ata 2020, iniciativas de organismos públicos e privados con sede en Galicia, co obxectivo de impulsar novos proxectos de investigadores galegos para xerar empresas e patentes, así como a creación de emprego cualificado.

As iniciativas da nova edición sumaranse aos nove proxectos que se están desenvolvendo da primeira convocatoria no eido da biotecnoloxía, as TIC e o sector aeronáutico e que están permitindo crear ou manter 61 postos de traballo de alta cualificación, así como a posta en marcha de empresas de base tecnolóxica.

10 de maio de 2018 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.