publicidade hoxe

As obras do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas comezarán en xuño e permitirán maior seguridade e menor tempo

O presidente galego no anuncio das obras

O presidente galego no anuncio das obras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que as obras do novo acceso ao Polígono de San Cibrao das Viñas comezarán en xuño, e así quedará conectado coa Autovía das Rías Baixas, a A-52. Estas obras permitirán unha maior seguridade, acurtar o itinerario actual máis dun 50% e facer máis competitivo o Ourense industrial.

Durante o acto de presentación da nova estrada de conexión, Feijóo aseverou que con esta obra “colocamos unha nova pedra do Ourense que entre todos estamos a construír”, referíndose tamén a infraestruturas tan importantes como: o remate a finais de 2019 do AVE, que fará que Ourense quede conectado con Madrid en pouco máis de dúas horas; ou a estación intermodal, coa adxudicación neste mes de maio das obras relativas á estación de autobuses.

Así mesmo, destacou o compromiso do Goberno central de traballar para que Galicia forme parte das principais redes europeas de transporte de mercadorías, coa súa integración no Corredor Atlántico de Transportes, de xeito que esa malla prioritaria entre cara aos principais portos e centros loxísticos de Galicia a través de Ourense.

Sobre este punto avanzou que mañá, en Bruxelas, trasladará ao presidente do Parlamento este necesidade, “porque Galicia precisa- incidiu- que os seus portos e a cidade de Ourense estean conectados cun ferrocarril de mercadorías en termos competitivos”.

Feijóo resaltou tamén o obxectivo do Goberno central de licitar este mesmo ano as obras do primeiro treito da variante de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela; a Autovía A-56 que conectará Lugo con Ourense, completando o grande eixe pendente da vertebración interior de Galicia; ou os avances que permitirán transformar en realidade as obras do primeiro treito da autovía que comunicará Valdeorras coa meseta e o resto de Galicia, a A-76, entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras.

En relación ao novo acceso que permitirá conectar de forma directa o polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, que une Vigo con Madrid, o titular da Xunta resaltou que esta infraestrutura suporá completar e optimizar as comunicacións do que é o gran polo industrial da provincia de Ourense, xa cubertas cara ao sur coa Autovía Ourense-Celanova e cara ao norte coa Autovía de Santiago.

Cómpre salientar, ademais, que esta obra, dotada cun investimento de preto de 22 millóns de euros, conta cun trazado de 4,5 quilómetros entre Taboadela e San Cibrao de enorme complexidade e que require a construción de dúas glorietas, dun gran viaduto para salvar o río Benito, diversos cruzamentos a distinto nivel coas estradas locais e varios pasos inferiores e superiores que facilitan a conexión dos camiños. Un proxecto ambicioso que ofrecerá un terceiro carril en practicamente a metade da lonxitude.

14 de maio de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.