A Xunta participa no 11º Encontro de Unidades de Igualdade de Universidades Españolas no Campus de Ferrol
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou hoxe no marco do 11º Encontro de Unidades de Igualdade das Universidades Españolas que ten lugar no Campus de Ferrol que hai que seguir avanzando na consecución na igualdade efectiva entre mulleres e homes nas universidades.
Na inauguración tamén participaron a directora da Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, Ana Puy, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño.
López Abella puxo en valor o traballo das Oficinas de Igualdade das Universidades españolas e especialmente das galegas, e lembrou que dende hai anos o Goberno galego colabora coas Oficinas de Igualdade das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, promovendo accións de impulso da transversalidade de xénero no ámbito universitario.
Desde a Xunta de Galicia estamos convencidos de que a Universidade é un dos ámbitos de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, por tanto, é neste ámbito onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade así como traballar cara á consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias. O recoñecemento do papel crucial que a Universidade pode e debe desempeñar nesta complexa tarefa é hoxe xeneralizado na nosa sociedade, rematou a titular de Igualdade.