A Xunta habilita a bolsa de interinos para cubrir as prazas de secretarios, interventores e tesoureiros nos concellos galegos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias fixo entrega dos diplomas aos secretarios, interventores e tesoreiros que os habilita para formar parte da lista de interinos e poder comezar a traballar nos concellos que o precisen.
As listas definitivas que hoxe saen publicadas no Diario Oficial de Galicia están compostas por 111 aspirantes, dos cales son 64 secretarios-interventores, 15 secretarios, e 32 interventores-tesoureiros. Coa creación desta bolsa autonómica de interinos, o obxectivo do Goberno galego é permitir ás entidades locais cubrir estas vacantes de forma áxil e eficaz.
Alfonso Rueda indicou que dáse así resposta a unha demanda colectiva facilitando ás entidades locais cubrir as vacantes de funcionarios de habilitación de carácter nacional, sen ter que soportar o custe económico que supón a realización dun proceso selectivo para cubrir cada unha das vacantes que se produza
As entidades locais interesadas poderán solicitar voluntariamente a cobertura destes postos de funcionarios de habilitación nacional a través desta lista, cando non sexa posible provisionalos de xeito definitivo ou en comisión de servizos, acumulación ou nomeamento provisional.
Os concellos poderán dirixirse á Xunta a través do portal de servizos web Eido Local. A Administración autonómica, pola súa banda, iniciará o proceso de chamamento dos candidatos tendo en conta a orde de prelación de bolsas e a través dun procedemento que garante os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.











