A Xunta adxudica por un importe de 3.966.380 euros a obra do centro de saúde da Estrada
A Axencia Galega de Infraestruturas vén de adxudicar a obra do centro de saúde da Estrada (Pontevedra) á empresa UTE Puentes y calzadas infraestructuras, SLU-Ogmios proyecto, SL, por un importe de 3.966.380 euros. O prazo de execución é de dezasete meses. O novo centro de saúde construirase nunha parcela de 4.262 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello.
A construción deste novo centro de saúde permitirá tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños da Estrada. Na actualidade, neste concello aténdese a un total de 20.957 tarxetas sanitarias, das que 2.369 corresponden a poboación pediátrica.
O proxecto do centro de saúde fora presentado o pasado mes de novembro polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e forma parte do conxunto de infraestruturas de Atención primaria que se van modernizar nesta lexislatura, unhas melloras que beneficiarán a máis de 310.000 galegos. En total, trabállase en 20 novas infraestruturas das que 17 son novos centros de saúde e outras tres son ampliacións e mellora das instalacións existentes. A Xunta prevé destinar 55,6 millóns de euros a estes novos proxectos.
Proxecto de construción
O edificio da Estrada contará con tres andares ademais dun soto, o acceso principal realizarase a través dunha praza exterior e tamén haberá un lugar para o acceso das ambulancias baixo teito. No baixo andar vai estar a recepción e administración, cun gran vestíbulo que distribúe a área pediátrica cara un lado, con tres consultas de pediatría e dúas consultas de enfermería pediátrica. Ao outro lado do vestíbulo estará a área de apoio ao diagnóstico que conta con sala de toma de mostras, sala de radioloxía e sala de ecografía; e a continuación a área de urxencias (PAC) na que haberá dúas consultas de medicina e dúas de enfermería, ademais de dúas salas de reanimación e observación.
No primeiro andar estará a área de medicina con once consultas de medicina xeral e outras dez consultas de enfermería; ademais de consulta de farmacia, despacho do traballador social, salas polivalentes e a zona de persoal.
No segundo andar situarase a área da muller que terá dúas consultas de matrona. O centro terá así mesmo neste andar outras consultas como odontoloxía e hixienista dental, unha área de fisioterapia e rehabilitación con catro consultas, e unha área de saúde mental con dúas consultas de psiquiatría e dúas consultas de traballador social.