publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Plan de sendas de Galicia está a converter a estrada AC-552 nun eixe de mobilidade sostible e segura para vehículos e peóns na comarca de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCeeLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, destacou hoxe no eido da Comisión 2ª no Parlamento que o Plan de Sendas de Galicia está a converter a estrada AC- 552 (A Coruña-Cee) nun eixe de mobilidade sostible e segura para vehículos e peóns na comarca de Bergantiños.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Menéndez subliñou que o eixo máis destacado nesta zona do Plan de Sendas de Galicia sitúase, precisamente, na estrada autonómica AC-552, onde as actuacións xa rematadas permiten comprobar a súa funcionalidade e integración dos itinerarios nas contornas urbanizadas e agora máis humanizadas.

O director lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a desenvolver na comarca de Bergantiños 7 sendas, que proporcionarán aos veciños case 11 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas.

Dada a relevancia das intervencións, Francisco Menéndez foi detallando polo miúdo as características das dúas sendas actualmente en servizo e das tres en execución, adiantando tamén os dous proxectos en supervisión.

Sendas xa en servizo

Lembrou a posta en servizo o pasado mes de xaneiro do Itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, no Concello de Laracha. Un itinerario de uso compartido, peonil e ciclista, de 1,5 km de lonxitude, pola marxe esquerda da estrada AC-552, que permite darlle continuidade ás beirarrúas xa existentes, e que une A Laracha e Paiosaco.

Deste modo, subliñou Menéndez, as persoas que viven en Paoisaco xa poden desprazarse a pé ou en bicicleta á Laracha, onde se atopan os principais servizos do concello, como a propia casa do concello, instituto, centro de saúde ou piscina.

Igualmente, en xaneiro de 2018 púxose en servizo os treitos peonís e ciclista Xornes – Buño – Canta la Rana na AC-421e na AC-422, nos concellos de Malpica e Ponteceso. A senda, de 2 quilómetros de lonxitude, comunica Buño, onde se atopan os principais equipamentos municipais da zona como o centro de saúde ou o colexio, cos dous núcleos de poboación máis próximos: Xornes e Canta la Rana. As sendas conéctanse entre si mediante a execución dun paso de peóns no PQ 0+810 da estrada AC-422, co fin de darlle continuidade ao itinerario. Sinalou que, especialmente no que respecta á AC-421, a mellora de seguridade viaria foi considerable para os peóns, xa que nese treito non se contaba con beiravía para transitar.

Sendas en execución

O director da AXI tamén quixo explicar os avances nas tres sendas que neste intre se atopan en execución nesta comarca coruñesa.

Falou dos avances na execución da senda na AC-429, no treito Neaño – Cabana, no Concello de Cabana de Bergantiños que, segundo indicou, permitirá non só unir Neaño coa capitalidade do concello, onde se sitúa por exemplo o CPI As Revoltas, senón que trala súa posta en servizo poderase ir camiñando de modo seguro entre Cabana de Berganiños e Ponteceso, xa que a nova senda conecta nos seus extremos con beirarrúas existentes.

Avanzou o remate para este verán da senda entre Laracha e O Cancelo, na AC-552. Estas obras inclúen a construción dun itinerario de 1.960 metros de lonxitude, que permita circular a peóns e ciclistas non deportivos pola marxe esquerda da estrada AC-552 e que comunique os núcleos da Laracha e O Cancelo. En concreto, comprenderá o treito situado entre o punto no que remata a beirarrúa da Laracha e a intersección coa estrada da Deputación da Coruña, que conduce ao lugar do Vilar, no Cancelo, despois de pasar a glorieta do enlace coa autoestrada AG-55.

Menéndez referiuse finalmente á terceira senda que se está a executar tamén na AC-552, no treito Bértoa – Carballo, destacando que a mesma permitirá achegar máis á vila ao polígono industrial, tanto aos seus traballadores como os visitantes.

Francisco Menéndez engadiu que nestas 5 intervencións a consellería mobilizou xa 3,4 millóns de euros en obras de novas sendas peonís e ciclistas nas estradas autonómicas na comarca de Bergantiños, que supoñen case 8 quilómetros de novos itinerarios seguros para modos máis sostibles de desprazamento.

Estas actuacións serán completadas proximamente con dúas novas, unha entre Carballo e Coristanco, tamén na AC-552, e a outra permitira comunicar Laxe- Paseo Marítimo, na AC-429. Ambos proxectos atópanse neste intre en fase de supervisión.

O director concluíu que con estas dúas últimas actuacións previstas pola consellería, o investimento global no eido do plan de sendas de Galicia suporá unha achega de 4,87 millóns de euros nas sendas peonís das estradas autonómicas da comarca de Bergantiños.

19 de abril de 2018 | 15:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.