O DOG publica a convocatoria para a cobertura de 109 prazas de auxiliar de policía local en 24 concellos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo unitario para a cobertura de 109 prazas de auxiliar de policía local pertencentes a 24 concellos. Os/as interesados/as teñen a partir do xoves 20 días de prazo para solicitar a súa participación no proceso; é dicir, ata o 3 de maio, mes no que se desenvolverán as probas.
Os auxiliares da policía local desempeñan funcións de apoio e auxilio ao corpo da Policía Local naqueles concellos nos que se produce en determinadas tempadas un aumento notorio da súa poboación.
Esta convocatoria é a primeira que se fai dende a entrada en vigor do decreto 115/2017, polo que os concellos delegan na Xunta de Galicia a competencia da convocatoria de prazas para os seus corpos de Policía Local. Nesa data 48 concellos asinaron o convenio de delegación de competencias. Nas vindeiras semanas publicarase o proceso selectivo para a cobertura de prazas de policía local.











