Medio Rural e a Federación Galega de Cazadores colaborarán na prevención, detección e disuasión dos incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, asinaron esta mañá en San Caetano un convenio para colaborar na prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Este convenio ten unha duración de catro anos, podendo ser ampliado chegado o momento.

A través deste acordo, a Federación Galega de Caza poderá realizar tarefas de detección, vixilancia e disuasión, a desenvolver polo servizos de vixilancia dos terreos cinexeticamente ordenados (Tecor), coa finalidade común de divulgar e concienciar do risco dos lumes e minorar o número de incendios.

Para iso, procederán a difundir as medidas preventivas de incendios forestais entre os seus afiliados en relación co uso do lume no monte. Así mesmo, colaborarán na elaboración do Plan de Actuacións dos distritos forestais nas súas zonas, podendo propoñer actuacións de silvicultura preventiva, puntos de auga precisos, limpeza de viais necesarios e todas aquelas actuacións que a Federación considere de importancia.

Cómpre deixar claro que, en ningún caso, os cazadores van a extinguir os incendios forestais, posto que nin son profesionais nesta materia nin teñen os equipos de protección necesarios para poñerse diante dun lume. Pero si poden axudar, e moito, en actuacións preventivas, pois os cazadores son coñecedores do terreo e poden ser grandes aliados co dispositivo de incendios en materia de coordinación. Neste senso, ambos departamentos intercambiarán contactos para facilitar a operatividade entre o dispositivo de loita contra os incendios da Xunta e os responsables dos tecores.

Por outra banda, a Federación Galega de Caza tamén poderá emitir informes cando existan conflitos de intereses que puideran dar lugar a incendios forestais, chegando incluso a participar, no caso de que sexan requiridos polo persoal da Consellería do Medio Rural, na investigación das causas dos lumes.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez procederá a impartir información aos colectivos de cazadores, incluídos os titulares e xestores dos tecores, sobre o conxunto das accións preventivas e de defensa contempladas no Pladiga 2018, coa finalidade de coordinar e priorizar actuacións en caso de incendio forestal.

24 de abril de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.