publicidade hoxe

Francisco Conde pon en valor o esforzo de empresas galegas para poder ser máis competitivas a través da tecnoloxía e a innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Acebrón Group

Francisco Conde na visita ás instalacións de Acebrón Group

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na visita que desenvolveu a Acebrón Group, nas Pontes, o esforzo que está a facer o tecido produtivo galego para poder ser máis competitivo a través da tecnoloxía e a innovación, que é sinónimo de emprego cualificado e crecemento económico. “A Industria 4.0 é unha realidade e, polo tanto, temos que facer un esforzo para mellorar o posicionamento da nosa industria”, apuntou.

O titular de Economía puxo como exemplo a empresa Acebrón, que está transformando a industria de Galicia cara ao novo modelo de fábrica intelixente. Trátase dunha empresa familiar de segunda xeración con 45 anos de traxectoria e un referente en mecanizado industrial. Ademais, segundo explicou Conde, é un provedor de cabeceira para sectores estratéxicos de Galicia como o eólico, hidráulico ou offshore, que conta, na actualidade, cun novo sistema de control e automatización, instalado na planta das Pontes. Este proxecto contou co apoio da Xunta a través do programa de axudas para proxectos de Industria 4.0.

Deste xeito, puxo en valor esta iniciativa da Administración autonómica que logrou mobilizar 15 millóns de euros nos últimos 2 anos para impulsar case 70 iniciativas empresariais no campo da fábrica intelixente. Na actualidade estase a desenvolver a segunda convocatoria deste programa e, en palabras de Conde, no segundo semestre deste ano publicarase unha terceira edición.

Sinalou que outras empresas doutros sectores, como a automoción, o agroalimentario, o aeronáutico ou o naval, están a apostar pola tecnoloxía dixital a través de proxectos apoiados non só pola Xunta senón tamén polos propios clusters co obxectivo de mellorar a súa produtividade e competitividade.

4 de abril de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.