Ferrol acolle a XXIX edición da súa Feira do Libro desde mañá xoves e ata o luns 23
As Feiras do Libro de Galicia 2018 continúan a súa andaina polas catro provincias galegas, chegando á cidade de Ferrol a partir de mañá xoves 19 de abril. Ata o luns 23, cando se celebra o Día do Libro, este concello será un escaparate para as librerías presentes, Cortizas, Galiano, Estraviz, Metrópolis Cómics, Day, Central Librera e Pedreira, acompañadas ademais do stand de Edicións Embora e do da Deputación da Coruña. Os libreiros estarán rodeados dunha ampla oferta de actividades culturais para atraer público de todas as idades ata a praza da Constitución.
“É, sen dúbida, unha oportunidade única para impulsar o noso sector editorial, para darlle visibilidade ao libro e para reforzar a programación de actividades que favorezan a dinamización da lectura entre o público infantil, xuvenil e adulto” afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da feira, no que estivo acompañado do presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol Terra, Antonio Martínez, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti San Martín e o concelleiro de Cultura, Ensino e Universidade do concello de Ferrol, Jesús Basterrechea.
Para o secretario xeral de Cultura, esta é “unha cita de referencia que pon en contacto directo a lectores, mediadores da lectura e autores”, nun ano coma este 2018, no que se celebran aniversarios “tan importantes como o cincuentenario de A galiña azul, de Carlos Casares, e no que as Letras Galegas conmemoran a vida e obra de María Victoria Moreno, entre outras efemérides vinculadas ao libro e a cultura de nós”.
Un percorrido por 16 concellos en seis meses
Ferrol é a segunda cita do calendario das Feiras do Libro de Galicia, que percorrerán despois Santiago de Compostela, do 28 de abril ao 6 de maio; o municipio do Porriño, onde se desenvolverán do 10 ao 13 de maio; a cidade de Lugo, do 15 ao 20 de maio; o concello de Ourense, do 30 de maio ao 6 de xuño; e o concello de Redondela, do 7 ao 10 de xuño.
Xa no inicio do verán, as citas serán nos municipios de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; de Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo, de Rianxo, do 19 ao 22 de xullo e de Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 11 ao 15; en Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.