Feijóo: “unhas contas públicas saneadas que priorizan o gasto social e o investimento permitirán revisar á alza a previsión do crecemento para este 2018”

Feijóo presidiu o acto de seguimento
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que unhas contas públicas saneadas que priorizan o gasto social e que fan fincapé na capacidade investidora, permitirán revisar –coa máxima prudencia- a previsión do crecemento da economía galega para este ano 2018. Unha previsión que neste momento é do 2,5% e que a Xunta elevará en varias décimas.
“A economía galega vai ter no 2018, outra vez, un ano de crecemento sustentable e san que permitirá cadrar as contas: diminuír calquera tipo de emisión de débeda pública; e incrementar o número de postos de traballo, así como a recadación do IVE e do IRPF, ademais dos capítulos de investimentos reais, blindando o gasto social”, abundou.
Durante o acto de seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 Tres anos do plan, Feijóo aseverou que o Executivo autonómico seguirá traballando, unindo esforzos, para acadar o obxectivo último deste plan: construír entre todos a Galicia que queremos. Unha Galicia que descansa sobre un estado do benestar sólido; unha Galicia máis moderna, onde a innovación e o capital humano se converten en parte indisociable dun mercado de traballo con máis e mellor emprego; e unha Galicia cohesionada tanto no eido social como no territorial.
Sobre este punto, subliñou que nestes primeiros meses de 2018 a economía galega continúa medrando por riba do 3%; segue baixando o paro, con case 26.000 novas afiliacións á Seguridade Social nos últimos 12 meses; a produción industrial volve crecer con forza; “e seguimos exportando un 34% máis no mes de xaneiro deste 2018 sobre o mes de xaneiro de 2017.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que tras afrontar a peor situación económica en décadas e de facelo con moitos menos recursos para combatela, Galicia nunca renunciou ao Estado de Benestar. “Mantivemos blindado o gasto social porque a sanidade, a educación e os servizos sociais deben ser as prioridades fundamentais”, dixo, resaltando que froito do traballo conxunto dunha cidadanía comprometida, Galicia empezou a medrar e a facelo en mellores condicións que a maioría das autonomías, cunha estabilidade institucional e con menos débeda e menos déficit que a media autonómica.
“Fomos a comunidade que menos incrementou a débeda pública desde 2009 e que cumpriu o déficit tamén desde 2009. E isto permítenos dicir que Galicia é hoxe unha Autonomía saneada, solvente e con menos hipotecas para o futuro que a maioría das comunidades”, sinalou.
Unha planificación integral e participativa
Feijóo incidiu en que o Plan estratéxico de Galicia é unha folla de ruta ampla pero concreta, baseada nunha rigorosa planificación, onde a improvisación permanente que levou ao país á crise non ten cabida. “Estamos a falar dunha iniciativa resultado dunha meditada e consensuada planificación. Unha planificación integral e participativa”, explicou, lembrando que, ademais de planificar, o plan obriga a avaliar o cumprimento, co fin de poder verificar o seu efecto e ter marxe para corrixir calquera eiva e tomar decisións.
O presidente da Xunta aseverou que os distintos indicadores do Plan estratéxico poñen de manifesto o éxito desta receita. Non en van, hoxe a economía galega encadea tres anos consecutivos medrando por riba do 3%; conta con 55.000 novos empregos consolidados, co obxectivo de crear entre 80.000 e 100.000 ata 2020; e vive o mellor ciclo exportador, superando os 20.000 millóns de euros en vendas ao estranxeiro e con 6.000 empresas galegas exportando.
Así mesmo, o abandono escolar é menor e, por primeira vez, máis do 50% dos mozos están matriculados en FP; a taxa de exclusión social continúa a baixar, mellorando en 7,6 puntos este indicador en relación a España e en 3,2 puntos á Unión Europea; e Galicia está a converxer tanto con España como coa UE.
O responsable da Administración autonómica concluíu aseverando que “este balance serve para seguir traballando co obxectivo de acadar as metas fixadas neste plan para o ano 2020”.











