publicidade hoxe

Expourense acollerá unha nova edición de Previsel co obxectivo de consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+
Presentación de Previsel

Presentación de Previsel

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da décimo terceira edición de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense os días 11 e 12 de abril e que presenta un completo programa con 45 actividades nas que se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, os traballos en altura, laboratorio ou forzas de seguridade, entre outros. O obxectivo deste certame é ofrecer formación especializada para consolidar a cultura da prevención tanto nas empresas como na sociedade en xeral.

Na súa intervención, Díaz Mouteira subliñou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta de Galicia que traballa seguindo as medidas recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020. Así, a delegada territorial referiuse á necesidade de mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais, impulsar a implicación dos interlocutores sociais e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega, entre outros retos que o Goberno galego ten por diante.

A edición deste ano contará cunha trintena expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e cómpre destacar a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Programa de actividades

Ademais, o salón ofrece un completo programa de actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados que abordarán temas de plena actualidade como os efectos do gas radón ou a problemática da vespa velutina. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) na súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos nesta edición organiza dous seminarios sobre a prevención de accidentes nos traballos en altura e sobre a seguridade nos laboratorios.

Previsel é un salón organizado por Expourense co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, e no que colabora o Goberno galego dun xeito transversal a través de actividades organizadas polo ISSGA, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Emerxencias; e as Consellerías de Medio Rural e Sanidade.

9 de abril de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.