publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza a construción da primeira senda estrelada de Galicia no acceso ás termas de Outariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+
Ethel Vázquez e Jesús Vázquez na presentación do itinerario

Ethel Vázquez e Jesús Vázquez na presentación do itinerario

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentoulles hoxe aos veciños o proxecto da primeira senda estrelada de Galicia, que se construirá no acceso ás termas de Outariz. Este tramo está integrado nun itinerario peonil e ciclista que se executará en Reza, cuxas obras se licitarán en outono cun investimento de arredor de 1,2 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto, así como a relación de bens e dereitos afectados pola construción da senda, polo que os interesados terán trinta días hábiles, ata o 21 de maio, para achegar as observacións e achegas que consideren oportunas.

A senda peonil e ciclista de Reza, duns 2,6 km, vaise construír ao longo da estrada OU-402, que vai de Ourense a Cortegada, e que se prolongará ata o aceso á zona termal. Concretamente, executarase unha senda mixta de formigón coloreado pola marxe dereita da estrada, que contará cunha cuneta de seguridade e unha franxa axardinada naqueles treitos que haxa suficiente espazo e prolongarase, ao longo duns 350 metros, ata o acceso ás termas de Outariz, pola marxe dereita do Miño.

A conselleira indicou que no treito de acceso a Outariz a senda contará cunha singularidade que reforzará o atractivo da zona, pois será estrelada, un itinerario fotoluminiscente que brillará na escuridade. Precisou que este sistema permitirá poñer en valor, embelecer e singularizar este camiño cara Outariz.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que no Concello de Ourense prevé 6 itinerarios, case 8 km de novas sendas, que suporán un investimento de 2,3 M€.

Mobilidade sostible e segura

A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta continúa a traballar para ‘facer cidade’ en Ourense, impulsando actuacións estratéxicas, cun investimento de 16 millóns de euros, para contribuír ao futuro dunha mobilidade sostible e segura.

Fixo fincapé en que a mobilidade, a seguridade viaria e, en consecuencia, a calidade de vida dos veciños de Ourense, tamén se verá mellorada con outras actuacións estratéxicas como a estación de autobuses intermodal, cuxas obras comezarán no verán. Esta infraestrutura, xunto co novo aparcadoiro, suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros.

Salientou tamén outros proxectos importantes previstos na cidade como a mellora integral da OU-105, en Seixalbo, cuxas obras se iniciarán en verán cun orzamento de 800.000 euros.

Outras actuacións nas que está a traballar o Goberno galego é a 2ª fase da posta en valor da Ponte Vella, centrada na mellora da súa contorna, que incluirá o traslado da pista de skate próxima á capela da Misericordia. Tamén avanza a remodelación da Avenida Otero Pedrayo, pois estes días, tras a Semana Santa, comezaron os traballos con maquinaria, tras o investimento de arredor de 2 millóns de euros.

4 de abril de 2018 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.