Convócase o primeiro concurso escolar musical sobre a natureza ‘On: operación natureza’
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de convocar o primeiro concurso escolar musical sobre a natureza ‘On’, Operación Natureza, co fin de promover, difundir e divulgar os valores do patrimonio natural de Galicia; impulsar a educación e a participación na conservación dos recursos naturais; incrementar a sensibilidade ambiental para fomentar actitudes que respecten o medio natural e promover a interpretación e comunicación ambiental incentivando a creatividade musical.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural vén de convidar ao alumnado de 275 centros de Educación Infantil, Primaria ou Centros de Educación Especial a presentar unha maqueta de música orixinal e inédita, que nunca fose difundida nin en soporte físico nin a través das redes sociais. Os centros convidados xa teñen participado noutras actividades do Goberno galego, como o Plan Proxecta, para a difusión e divulgación do valores naturais e os coidados do medio ambiente
O alumnado concursante terá que presentarse en grupos cun mínimo de dez persoas e un máximo de trinta compoñentes entre os que se inclúen voces, músicos e acompañantes; permitirase un adulto de acompañante (directores ou instrumentistas, pero non cantantes ou intérpretes) e cada centro poderá presentar tres grupos como máximo. O prazo de presentación das cancións comezou esta mesma semana, o 23 de abril, e rematará o 30 de maio de 2018.
Fases do concurso
O concurso ON, Operación Natureza desenvolverase en dúas fases. A primeira, que se iniciará ao remate do prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección das maquetas dos grupos que pasan á segunda fase. Seleccionaranse un máximo de 15, decisión que será comunicada aos concursantes.
Os grupos preseleccionados actuarán en directo en tres sesións (5 en cada unha), que previsiblemente se celebrarán a comezos de xuño, e desta actuacións seleccionaranse dúas cancións finalistas por cada sesión; polo que os seis seleccionados concorrerán na gran final do concurso que formará parte dos actos programados na Semana Verde de Silleda, onde se fará entrega do premio ao grupo gañador.











