publicidade hoxe

Convócanse 10 novos permisos de explotación para percebe desde embarcación na confraría da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Mar convoca 10 novos permisos de explotación para percebe desde embarcación na confraría de pescadores da Guarda. Así, mediante este proceso incorporaranse cinco embarcacións con dúas habilitacións (tripulantes) cada unha e outras cinco embarcacións cunha habilitación cada unha. Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e o que establece a orde que regula a explotación dos recursos específicos. Ademais deben presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.

Os interesados poderán consultar a convocatoria na páxina web da Consellería no seguinte enlace. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

As solicitudes e a documentación acreditativa deberán presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes que cumpran os requisitos establecidos serán estudadas e baremadas de acordo co baremo para acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións, aprobado pola resolución do 4 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

4 de abril de 2018 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.