Comeza este mércores a terceira edición de FP Innova, o maior escaparate da innovación na formación profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A terceira edición do congreso FP Innova Galicia da Consellería de Cultura e Educación comeza este mércores coa exhibición de 47 proxectos de 25 centros educativos (ademais de 10 colaboradores), 30 deles vinculados coa innovación tecnolóxica, científica e didáctica e os outros 17 que responden a miniempresas creadas ao abeiro do plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende. A feira, que se celebrará nas plantas 0 e -1 do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, alongarase ata este venres. Prevese unha asistencia superior ás 8.000 persoas entre alumnado, profesorado e empresas participantes nos proxectos (máis de 500), así como público xeral, que poderá coñecer as potencialidades da FP en innovación, competitividade, empregabilidade e uso social para dar resposta ás necesidades da sociedade e do tecido produtivo galego.

Deste xeito, FP Innova converterase, por terceiro ano consecutivo, no maior escaparate sobre os traballos de innovación que se están desenvolvendo nos centros de formación profesional, uns proxectos adaptados aos novos retos da sociedade e ás demandas dos sectores produtivos galegos.

Exposicións de primeiro nivel

Ao igual que o ano pasado, a feira terá unha parte dedicada á exhibición dos proxectos e outra centrada no congreso, no que se celebrarán mesas redondas e diferentes exposicións sobre os traballos desenvoltos nos propios centros educativos ou sobre a aplicación de novas tecnoloxías e desafíos vindeiros.

Nesta parte de congreso participarán empresas de renome como Urovesa, Televés, Gaerum, Finsa ou Schneider, entre outras, así como responsables educativos de varias comunidades e de fóra de España. Así mesmo, tamén se contará coa achega de persoeiros de relevancia como Mar Capeáns Garrido, líder do grupo de Planificación e Proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. Todo o programa da feira pode consultarse no seguinte enlace.

Máis espazo e participación

Por outro lado, e entre as principais novidades do evento, cómpre resaltar que case se triplica a superficie da zona expositiva (pasando dos 1.800 metros cadrados do ano pasado aos 4.200 actuais) e tamén se amplía a participación do alumnado, xa que nesta edición ábrese a mozos e mozas desde 5º de Primaria, namentres que anteriormente estaba enfocado a partir de 4º de ESO. De feito, e co fin de xerar sinerxías entre FP Innova e a estratexia da Consellería para fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado, por primeira vez organizaranse obradoiros de diferentes temáticas como robótica, impresión 3D, electrónica, fabricación de drons, madeira, hostalaría e industrias alimentarias.

Un robot para recibir aos visitantes

Outras das novidades máis destacables é a presenza dun robot que se encargará de recibir aos visitantes da feira. Novi é un proxecto desenvolto en colaboración polo CIFP Ferrolterra coa colaboración do CIFP As Mercedes de Lugo, que precisamente expoñerán na parte do congreso o mércores pola tarde.

Cómpre resaltar que a maior parte das iniciativas de innovación exhibidas no evento foron premiados en 2017 cos premios a proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e de innovación didáctica que convoca anualmente a Consellería. Pero tamén hai traballos desenvoltos por iniciativa propia dos centros, como é o caso da iniciativa Anti-velutina do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, na que un grupo de alumnos e alumnas deseñaron e construíron un sistema de baixo custo contra o ataque da avespa velutina ás abellas.

Reunión directores xerais

Por outro lado, FP Innova reunirá os directores xerais de FP de todas as comunidades autónomas, así como o director xeral do Ministerio, Fernando Sánchez-Pascuala. Ademais, unha delegación de responsables dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) de Andalucía tamén se trasladará ata Santiago, interesados polo modelo galego, co fin de coñecelo máis de preto e intentar replicalo na súa comunidade.

23 de abril de 2018 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.