publicidade hoxe

Chega á súa décima edición o Ciclo de Música Clásica de Barcia de Mera

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera acada este ano a súa décima edición coa colaboración da Consellería de Cultura e, para celebralo, contará coa actuación da Real Filharmonía de Galicia para pechar un programa de música clásica amplo e importante, que se desenvolverá entre os meses de abril e setembro, na igrexa barroca da parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, no concello pontevedrés de Covelo.

A xa tradicional cita cultural atrae cada ano máis público para gozar da música clásica nunha contorna que non é a habitual para este tipo de espectáculos. “Este ciclo de música clásica converte o templo de Barcia de Mera durante a primavera e o verán galegos, en punto de encontro para os afeccionados á música clásica, pero tamén favorece que outra xente poida realizar un primeiro achegamento a este tipo de obras, ás que non sempre foi fácil o acceso”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación da iniciativa.

Ao acto, que tivo lugar, como é xa tradicional, no balneario de Mondariz, asistiron ademais de Anxo Lorenzo, o párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela, promotor da iniciativa; Nieves García-Soto, directora artística do proxecto, e monseñor Luís Quinteiro, bispo da diocese Tui-Vigo.

Referente musical

O secretario xeral de Cultura destacou a calidade da oferta que conforma a décima edición do ciclo, coas actuacións de grupos como a Orquestra de Cámara Galega, que abre o ciclo o vindeiro sábado 28 de abril; o Cuarteto Filhantrompia ou a Camerata Brigantina, “ademais de vellos coñecidos, como Vox Stellae que recuperará, tras a marcha do Pergamiño Vindel de Galicia, o interese e a fascinación polas creacións de Martín Códax, ou o Coro de Cámara Rías Baixas”.

Unha novidade destacada é a produción da ópera Sor Angélica, de Giacomo Puccini, interpretada pola soprano Beatriz Díaz e a mezzosoprano Belén Elvira, solistas femininas do coro Vox Stellae, acompañadas ao piano de J.A. Álvarez Parejo. A actuación da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Paul Daniel, poralle o ramo ao ciclo, o día 22 de setembro, grazas a unha achega especial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Cultura- para a celebración deste décimo aniversario.

12 de abril de 2018 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.