A Xunta prevé declarar a área de rehabilitación das Illas Atlánticas a finais deste ano
A Xunta de Galicia continúa coa tramitación para a declaración da Area de Rehabilitación integral (ARI) das Illas Atlánticas, acompasándoa coa tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que establecerá as condicións para actuar sobre as vivendas existentes, segundo indicou hoxe o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto.
A área de rehabilitación comprenderá a totalidade das illas que forman o Parque Nacional e terá especial relevancia na Illa de Ons, onde existen vivendas habitadas por unha poboación estable.
O PRUX do Parque Illas Atlánticas será a folla de ruta e detallará os obxectivos e criterios de xestión do Parque Nacional, establecendo a normativa de protección e a regulación de aproveitamentos, entre outras cuestións. Por iso, considerouse necesario que a declaración da ARI se realizase en paralelo e conforme aos criterios de intervención nas vivendas que se establezan neste plan. O mesmo se atopa actualmente en fase de información pública e se prevé que quede aprobado despois do próximo verán, o que permitiría a declaración da ARI a finais do 2018.
A declaración dunha área de rehabilitación que comprende varios concellos permite realizar a tramitación, declaración e xestión da mesma de forma directa por parte da Xunta, sen necesidade de que os concellos correspondentes (Bueu, no caso da illa de Ons) teñan que elaborar toda a documentación necesaria para a declaración da ARI e despois atender a xestión da mesma. Deste xeito e a xestión se leva directamente dende a Xunta, tal como se fai na ARI dos Camiños de Santiago, que comprende un total de 108 concellos.
Cando se declare, a ARI das Illas Atlánticas será a segunda de carácter supramunicial existente en Galicia, despois de que en 2010 se declarase a correspondente aos Camiños de Santiago, e permitirá executar traballos de rehabilitación e mellora das vivendas existentes con axudas do Goberno galego e do Ministerio de Fomento.











