A Xunta destina axudas para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas, cunha achega de sete millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe unha nova achega de sete millóns de euros en axudas para a plantación de superficies forestais con frondosas e coníferas; é dicir, con especies coma o carballo, o castiñeiro, o ameneiro, o bidueiro, o freixo, a sobreira, a aciñeira e a faia; ou coma o piñeiro silvestre e o teixo.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo recordou que se trata da terceira vez que se convocan estas axudas. Así, en 2016, concedéronse 3,9 millóns de euros para que se plantasen 2.200 hectáreas; e, en 2017 concedéronse 5,4 millóns para que se plantasen 3.300 hectáreas de bosque autóctono, o que suma un total de máis de 5.600 hectáreas repoboadas.

Sobre esta nova convocatoria, o presidente do Goberno galego subliñou que as axudas ascenden a 7 millóns de euros, para crear superficies forestais de frondosas e coníferas incorporarán novidades como: o incremento das hectáreas máximas subvencionables, pasando de 50 a 150 hectáreas nos casos de comunidades de montes veciñais en man común e Sofor; e de 15 a 150 para os propietarios particulares. “Sen dúbida un monte valorizado é útil e é a mellor forma de loitar contra os lumes”, abundou.

Así mesmo, os beneficiarios destas axudas serán: as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares; as asociacións e agrupacións de propietarios; as cooperativas agrarias; as comunidades de montes veciñais en man común; as entidades locais; e outras persoas xurídicas. E, entre as actuacións que se poderán subvencionar destacan: os gastos de plantación forestal e as infraestruturas de acompañamento e complementarias que se realicen xunto ás novas forestacións.

O presidente destacou que a maior novidade desta convocatoria é que por primeira vez se lle ofrece a posibilidade aos propietarios que teñan obriga de limpar franxas secundarias de biomasa de beneficiarse destas axudas, sempre que as franxas superen a hectárea de superficie.

Cómpre subliñar que a convocatoria se publicou esta mesma mañá no DOG, co obxectivo de fomentar a diversidade forestal autóctona de Galicia; e poñer en valor o monte. E estará vixente ata o 15 de outubro de 2019.

26 de abril de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.