A EGAP reforza a formación dos empregados públicos galegos sobre a nova lexislación administrativa básica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Cen empregados públicos remataron hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) un curso superior de 45 horas sobre a nova lexislación administrativa básica. Esta actividade formativa súmase aos 22 cursos programados pola EGAP sobre as leis 39 e 40/2015 durante 2018, parte dos cales foron publicados no DOG o pasado luns nunha convocatoria extraordinaria.

Durante a clausura do curso, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou que dende a aprobación das novas normas, na Escola dedicáronse importantes recursos á formación nesta materia. Grazas a esta medida, todos os empregados públicos de Galicia poden acceder a unha formación completa sobre as citadas leis. Isto é posible grazas á apertura dos contidos dos cursos específicos sobre as leis 39 e 40/2015 a calquera traballador da Administración interesado neles dentro do programa de autoformación.

Ademais, a directora da EGAP sinalou que a proximidade da data límite marcada pola Lei 39/2015 para que a Administración funcione integramente de maneira electrónica fai ineludible un incremento da formación continua e da reciclaxe profesional dos empregados públicos nestas materias.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na importancia de reforzar a formación sobre as novidades normativas que afectan ao sector público co fin de conseguir unha Administración máis áxil e transparente que sexa capaz de dar unha resposta eficaz ás necesidades da cidadanía.

26 de abril de 2018 | 15:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.