A Consellería do Mar amosa os seus centros de formación para dar a coñecer a súa oferta no eido marítimo pesqueiro cunha xornada de portas abertas
A Consellería do Mar realiza unhas xornadas de portas abertas nos seus centros para potenciar e divulgar a súa oferta formativa no eido marítimo-pesqueiro e amosar as súas instalacións a futuros alumnos e alumnas. A iniciativa levarase a cabo mañá, 25 de abril e o xoves día 26 en horario de mañá na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, na de Ferrol e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). No Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo as xornadas de portas abertas celebraranse o 10 e 11 de maio.
Na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol a xornada de portas abertas iniciarase ás 09:30 horas do mércores 25, cunha charla informativa sobre as ensinanzas que se imparten no centro e as súas saídas profesionais. Ás 10:30 horas haberá unha visita guiada polas instalacións do centro e tamén se realizará unha demostración no simulador de máquinas e de navegación. Será ás 12:00 horas cando o inspector da capitanía marítima de Ferrol, Domingo Pose, imparta unha conferencia sobre a seguridade nos buques pesqueiros.
A xornada do xoves na escola de Ferrol tamén comezará ás 09:30 horas cunha charla sobre as ensinanzas do centro e será ás 10:30 horas cando se realice a visita guiada polas instalacións do centro e a demostración no simulador de máquinas e de navegación. Para finalizar, ás 12:00 horas terá lugar a conferencia Ceos do norte e do sur, ceos mariños, impartida polo capitán da Mariña Mercante, Paulino Gasalla Aller.
No Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) as xornadas de portas abertas son ambos días a partir das 11:00 horas. Nelas presentarase a oferta do centro en materia de acuicultura e mergullo e os interesados coñecerán as instalacións e equipamentos do centro. Ademais, o xoves 26 inaugurarase a exposición Macroalgas das costas de Galicia e presentarase o programa da Xornada sobre as algas e os seus usos, que terá lugar o día 30 de maio.
No centro de Ribeira as xornadas de portas abertas serán os dous días das 09:00 ata as 14:00 horas. Durante este tempo, os institutos de educación ou entidades relacionados con este sector disporán de visitas guiadas ás dependencias do centro e unha charla informativa sobre as súas ensinanzas e o mercado de traballo ao que se pode acceder coas titulacións que ofrece. A maiores, o día 25 ás 11:00 horas un especialista en medicina do Instituto Social da Mariña impartirá a conferencia A seguridade social do mar: requisitos e incidencias.
As instalacións do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo poderán visitarse o día 11 de maio. Así, ás 12:30 horas ofrecerase un relatorio sobre as ensinanzas náutico-pesqueiras que se ofrecen nel.











