A Consellería de Medio Rural e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil simplifican as autorizacións dos aproveitamentos forestais

Ángeles Vázquez na sinatura do protocolo
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, asinaron esta mañá en San Caetano un protocolo de colaboración para simplificar as autorizacións administrativas dos aproveitamentos forestais. Mediante este acordo dótase de maior axilidade, eficacia e eficiencia ao procedemento administrativo de aproveitamentos madeireiros, mentres se asegura o respecto á normativa vixente e ao exercicio das competencias que cada Administración ten atribuídas.
Así, axilízase a tramitación das autorizacións para a execución dos aproveitamentos forestais en zona de policía, adxacente e paralela aos canles públicos, lagos, lagoas e embalses na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, dun ancho de 95 metros dende a finalización dos cinco metros da zona de servidume.
A mesma declaración responsable ou solicitude de autorización forestal única presentada nos Servizos de Montes considerarase solicitude de autorización dos traballos forestais ante a Confederación Hidrográfica, ente dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama). E, do mesmo xeito, o organismo de bacía informará directamente ao Servizo de Montes respectivo do resultado do expediente de autorización, unha vez resolto. A tal fin, habilitaranse os mecanismos e medios electrónicos correspondentes que permitan unha comunicación áxil, directa, segura e efectiva na tramitación dos expedientes de autorización e da documentación aportada en cada caso.
Novo visor web
Dende esta mesma semana, e integrado no portal para solicitudes de cortas privadas da Consellería de Medio Rural, estará accesible un novo visor web coa información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, conforme aos datos subministrados polos distintos órganos competentes. Desta forma, facilitarase aos operadores económicos unha planificación na xestión forestal respectuosa cos devanditos espazos, co carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan.











