Sanidade publica o Plan de inspección de servizos sanitarios para o período 2018-2021, que prioriza as áreas de maior risco para a saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Orde da Consellería de Sanidade, pola que se aproba o Plan de Inspección de Servizos Sanitarios para o período 2018-2021. O Plan recolle as liñas básicas de actuación dos efectivos da inspección, establecendo os obxectivos a desenvolver en cumprimento das funcións que teñen encomendadas en relación coa tutela das garantías e dereitos da cidadanía; o seguimento e control das prestacións sanitarias; así como o control dos centros, servizos e establecementos sanitarios.

Neste Plan do departamento sanitario autonómico establécense seis liñas de actuación: o control e avaliación das prestacións sanitarias; a tutela e garantía dos dereitos sanitarios de pacientes e usuarios; a inspección das prestacións do Sistema de Seguridade Social; a responsabilidade patrimonial derivada da asistencia sanitaria; a actividade disciplinaria e sancionadora; e a inspección en materia de medicamentos e produtos sanitarios.

Cómpre sinalar que cada unha das liñas básicas desenvolverase por plans parciais que priorizan aquelas áreas de maior risco para a saúde.

Como novidade, dentro dos programas de control e avaliación das prestacións sanitarias, inclúense a inspección da prestación ortoprotésica, a inspección de terapias respitarorias a domicilio, e a avaliación do transporte sanitario. Así mesmo, continúase traballando en programas xa iniciados como o seguimento da prestación farmacéutica, control de reintegro de gastos derivados de asistencia sanitaria, e control da facturación a terceiros dos gastos derivados da asistencia sanitaria. O obxectivo destes programas de control e avaliación é verificar o cumprimento da normativa vixente, evitar o seu uso inadecuado, detectar as posibles desviacións que se poidan producir e propoñer as medidas correctoras necesarias.

Con este novo Plan, o departamento sanitario que dirixe Jesús Vázquez Almuiña contribúe, de xeito activo, a través das funcións inspectoras, a fomentar a mellora continua do sistema sanitario de Galicia, para cumprir coas expectativas e necesidades da cidadanía en orde á calidade e seguridade da asistencia sanitaria.

28 de marzo de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.