Os apicultores galegos recibirán unha achega de 603.000 euros coas axudas da Consellería do Medio Rural
A Consellería do Medio Rural achegará este ano 603.738 euros aos produtores de mel galegos a través da orde de apicultura que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e para a que mañá se abre o prazo se solicitudes, que será dun mes. Esta convocatoria foi consensuada coas organizacións apícolas de Galicia, recollendo e incorporando as súas achegas, para mellorar ou seus contidos. O orzamento está cofinanciado a través dos Fondos Europeos Agrícolas de Garantía (Feaga) nun 50%, nun 25% pola Xunta e noutro 25% polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.
Calquera particular, agrupación ou colectivo que sexan titulares dunha explotación apícola inscrita no rexistro oficial pode solicitar estas subvencións. Entre os requisitos están que teñan realizado polo menos un tratamento contra a varroase e que dispoñan dun seguro de responsabilidade civil, entre outros.
Precisamente as condicións desta orde foron explicadas hoxe pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, nunha visita a unha explotación apícola na localidade ourensá da Gudiña. A titular da mesma, membro da Agrupación Apícola de Galicia, dispón de 650 colmeas repartidas polo concello e foi beneficiaria destas axudas no 2017 para mellorar o seu status sanitario.
Finalidade das axudas
Belén do Campo explicou que estas axudas dispoñen de catro liñas diferentes: para asistencia técnica (só para colectivos), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola. No primeiro caso, falamos da contratación de ata dous técnicos, un deles veterinario, para o servizo da asociación en cuestión, así como, a organización de cursos e xornadas e a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación.
No que se refire á loita contra as enfermidades, inclúense tanto tratamentos, como a sobrealimentación das colmeas e a renovación e purificación de cera. Na transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Por último, as medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría de raíñas.
A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Por iso, establecéronse, de acordo co sector, unha serie de criterios obxectivos para puntuar as solicitudes. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a súa adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida, que estean en zonas desfavorecidas ou que estean rexistradas no consello regulador de agricultura ecolóxica de Galicia (Craega), entre outros.
Nesta visita á Gudiña, a directora xeral aproveitou tamén para explicar todos estes detalles a diferentes representantes do sector, así como para escoitar as demandas do colectivo apícola nunha zona xeográfica con moita produción de mel e tratar así de dar respostas ás súas necesidades.











