O novo Plan estatal de vivenda fomentará a rehabilitación, o alugueiro e o acceso a vivenda de persoas con poucos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o novo Plan estatal de vivenda 2018-2021, dotado con 107 millóns de euros, terá como prioridades: fomentar a rehabilitación, impulsar o alugueiro, apoiar ás persoas en risco de desafiuzamento, loitar contra o despoboamento do rural e atender especialmente á mocidade e aos maiores.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que do investimento total, 25 millóns corresponden a fondos autonómicos –a maiores do investimento que fai nas propias políticas de vivenda da Xunta-; e o Goberno central achegará 82 millóns de euros, é dicir, un 60% máis de investimento estatal que entre 2013 e 2017.

Así mesmo, precisou que a implantación do plan comezará a finais de abril, coa sinatura do correspondente convenio de colaboración entre a Administración autonómica e o Ministerio de Fomento, e a partir do mes de maio empezarán a convocarse as axudas dos diferentes programas.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta incidiu no marcado carácter social desta iniciativa que beneficiará a máis de 18.700 familias (o que supón aproximadamente unhas 60.000 persoas), cunha axuda media que estará por riba dos 5.700 euros por beneficiario.

Cómpre salientar que o Plan estatal de vivenda artéllase a través de nove programas: apoio ao pago de xuros de préstamos, que xestiona directamente o Goberno central; axuda ao alugueiro de vivenda; axuda ás persoas en situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual; fomento da construción de vivenda co fin de ser alugada durante un prazo mínimo de 25 anos; impulso ao aluguer de vivendas con servizos comúns adaptados para persoas maiores de 65 anos e con discapacidade; apoio ás persoas de menos de 35 anos para aluguer de vivenda ou para a compra en concellos de menos de 5.000 habitantes; fomento da eficiencia enerxética en vivenda; fomento da accesibilidade, conservación e seguridade; rexeneración e renovación urbanas, en edificacións colectivas ou vivendas illadas. Xestionarase a través das áreas de rehabilitación e áreas Rexurbe.

Así mesmo, Feijóo sinalou que o plan vai provocar efectos positivos desde o punto de vista da economía, cunha previsión de emprego de 11.000 postos de traballo e cun investimento total, entre investimento público e privado, de 257 millóns de euros.

22 de marzo de 2018 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.