Nava Castro destaca o labor das mulleres do sector turístico na súa contribución cara a igualdade

Nava Castro na clausura da xornada. Foto: X. Crespo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, eloxiou hoxe o labor que están a ter as mulleres que traballan en todos os ámbitos do sector turístico na Comunidade galega por contribuír, dixo, a que Galicia continúe avanzando en igualdade co seu “compromiso, dedicación e tesón”, explicou.
Así o manifestou durante a súa participación en Feminino singular: traxectorias estelares na hostelería, unha iniciativa impulsada polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) na que mulleres do sector reflexionaron sobre a súa experiencia na mesma semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller. A xornada contou coa presenza de Luisa García e Luisa Lorenzo, propietaria e arquitecta do hotel A Quinta da Auga e directora do mesmo hotel, respectivamente; Manicha Bermúdez, cociñeira de A Taberna O Rotilio e Aurora Costas, directora e responsable de operacións da cadea hoteleira Carrís Hoteis.
Todas elas, dixo Nava Castro, son exemplo desa crecente presenza feminina no eido turístico en Galicia onde, como indicou, se está a traballar en varias direccións para acadar novas metas. Referiuse á importancia de avanzar na conciliación, de seguir reducindo a brecha salarial e de ter medidas que permitan unha maior e mellor participación e presenza das mulleres no tecido empresarial turístico, incluíndo os postos de responsabilidade.
Máis emprendedoras
Neste sentido, recordou a aposta do seu departamento por impulsar o emprendemento e a formación, ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020, que dedica unha das súas once liñas estratéxicas ao completo a estes fins. “En Galicia avanzamos en igualdade con propostas e medidas”, explicou Nava Castro quen puxo de manifesto a importancia de valorar os logros acadados con casos como os expostos durante esta xornada, porque “en paralelo a avanzar nos retos que quedan por lograr é de xustiza apreciar o camiño andando para seguir traballando en consolidarnos na boa dirección”, explicou.
Os últimos datos do Servizo Público de Emprego Estatal reflicten que o emprego feminino avanza en Galicia. O mes de febreiro acabou con 9.554 mulleres menos no paro e no último ano as empresarias con asalariados ao seu cargo aumentaron nun 10,60%, o que sitúa Galicia como a quinta comunidade con maior ritmo de crecemento neste ámbito.











