Medio Ambiente licita catro actuacións que mellorarán as redes meteorolóxicas e de control da calidade do aire
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe a través do DOG catro actuacións destinadas a mellorar e actualizar a rede de observación meteorolóxica de Galicia, así como os sistemas de control de calidade do aire e das augas naturais da comunidade autónoma. En total, destinaranse a estes catro contratos 659.558,90 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 % no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A través destas licitacións, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático adquirirá novo equipamento para ampliar a cobertura das redes e actualizar os equipos de medida dispoñibles nestes momentos, incorporando os últimos avances científicos e técnicos en materia de instrumentación e metodoloxía de medida e análise. Así, preténdese que os sistemas de control e seguimento ambiental de Galicia dispoñan de máis e mellor información sobre os ecosistemas galegos e a súa vulnerabilidade.
Dúas das actuacións licitadas teñen por obxecto a mellora da rede de observación meteorolóxica e as outras dúas repercutirán no funcionamento do actual sistema de control da calidade do aire e de calidade das augas naturais de Galicia.
Concretamente, un dos catro contratos licitados ten por obxecto a subministración, configuración e instalación de 12 estacións meteorolóxicas para reforzar a rede de observación oceanometeorolóxica galega, e outro permitirá a instalación e posta en marcha de 13 analizadores automáticos de medida de gases contaminantes no aire ambiente, o que permitirá que Galicia avance na adaptación da súa rede de calidade do aire aos requisitos establecidos no Real Decreto 39/2017 relativo á mellora da calidade do aire.
As redes meteorolóxica e de calidade do aire
Cómpre lembrar que na actualidade a rede de observación meteorolóxica dependente da Consellería de Medio Ambiente está integrada por máis de 150 estacións meteorolóxicas de superficie, por un sistema de detección de raios, un radar meteorolóxico e un equipo receptor de datos do METEOSAT. Esta rede permite prever a ocorrencia de adversos meteorolóxicos, así como realizar un exhaustivo seguimento das variables atmosféricas.
Polo que respecta á rede de calidade do aire de Galicia, confórmana unha serie de estacións de medida de contaminantes no aire ambiente, deseñadas para garantir que as concentracións dos contaminantes non superen os obxectivos establecidos e informar á poboación sobre a calidade do aire na comunidade autónoma.
As actuacións licitadas tamén repercutirán positivamente no funcionamento do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, responsable do soporte analítico das actuacións da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e que, polo tanto, realiza análises químicas e biolóxicas da rede de vixilancia da calidade das augas naturais e análises químicos de contaminantes no aire ambiente da rede de calidade do aire.











