publicidade hoxe

Feijóo destaca que as obras do último treito da Autovía Lugo-Santiago Galicia comeza a superar a gran materia pendente da conexión do interior co Eixo Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaLocal PortadaMelidePortada esquerda
A-
A+
O presidente galego no inicio das obras

O presidente galego no inicio das obras

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, co inicio das obras do último tramo da Autovía Lugo-Santiago, Galicia comeza a superar a gran materia pendente da conexión do interior co Eixo Atlántico. “Enfilamos a recta final da construción da autovía Lugo-Santiago e empezamos a superar a gran materia pendente que é a conexión do interior coa costa”, afirmou.

Durante o acto que dá inicio ás obras do tramo Melide-Arzúa, Feijóo precisou que con esta infraestrutura Lugo se achega á metade occidental de Galicia, cuxa relación estaba ata o momento limitada á comunicación co norte da Coruña pola A-6 e a autovía Ferrol-Vilalba; e a Galicia interior entra en contacto con todo o Eixo Atlántico, con Pontevedra e con Vigo, así como co resto de vilas e cidades das que Santiago exerce de gran distribuidor de tráficos.

“É dicir, Santiago seguirá incrementando o seu papel protagonista de nó de comunicacións, de cruzamento de camiños; e Lugo confírmase como ponte entre o Eixo Atlántico e o norte España e Europa”, abundou, lembrando que todos os treitos desta vía están hoxe finalizados ou en execución.

Cun investimento de máis de 100 millóns de euros, Feijóo subliñou que este treito, de case 17 quilómetros, permitirá aos usuarios ir de Santiago a Lugo nun tempo de 50 minutos, fronte á hora e media de agora. “Os condutores pasarán de circular por unha estrada convencional con moitas travesías, cambios de velocidade e abundante tráfico pesado a circular por unha autovía libre de peaxe e cos máis altos estándares de calidade”, dixo, ao que engadiu que con esta obra se dá, ademais, solución a un dos treitos de maior sinistralidade da rede estatal, situado nesta zona entre Melide e Arzúa.

Logo de precisar que os municipios de Arzúa, Melide, O Pino, Santiso e Palas de Rei verán acurtadas as distancias que os separan dos centros de actividade económica, administrativa e social que son as cidades de Lugo e Santiago, Feijóo asegurou que esta nova estrada suporá un novo comezo para eles. Ao respecto, resaltou que o poder da Ruta Xacobea, así como o conxunto das axudas impulsadas desde o Goberno central e a Xunta en materia de vivenda constitúen unha ferramenta fundamental para conseguir que todos estes núcleos que son hoxe lugares de paso, cando se vexan liberados do tráfico pola A-54, se convertan en sitios para visitar e para quedarse.

Sobre este punto, precisou que este Plan de vivenda, ao que o Goberno central e a Administración autonómica destinarán un investimento de máis de 100 millóns de euros, suporá unha oportunidade para impulsar a rehabilitación do patrimonio, referíndose especialmente á iniciativa específica para vivendas en núcleos de menos de 5.000 habitantes.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego recoñeceu o esforzo do Goberno central por facer da A-54 unha infraestrutura prioritaria. Non en van, máis do 40% do trazado desta autovía foi posto en servizo desde o ano 2015, o que significa que os catro treitos xa abertos entre Lugo e Palas recibiron o seu impulso definitivo nos peores anos da recesión económica.

Acondicionamento e renovación do firme de estradas da rede estatal

Así mesmo, destacou o compromiso de actuar de forma inmediata no acondicionamento e na renovación do firme de estradas da rede estatal na Comunidade. E o desenvolvemento das obras da alta velocidade, que avanzan de acordo co cronograma establecido para estar rematadas na data fixada de 2019.

Sobre este aspecto, Feijóo recordou que a alta velocidade non estará completa sen a conexión de Ourense con Lugo, sen un enlace directo desde Vigo a Ourense e sen a modernización do tren a Ferrol.

Ademais de asuntos nos cales se iniciou unha frutífera colaboración entre a Xunta e o Goberno central como é o impulso das estacións intermodais, Feijóo trasladou a importancia de seguir, tal e como confirmou o ministro de Fomento, co compromiso de completar a rede viaria en Galicia, referíndose, entre outras, á autovía entre Ourense-Lugo, “e agradezo ao ministro que poña datas concretas á variante de Ourense, que forma parte dela”; á conexión e á variante de Pontevedra; á execución de infraestruturas no corredor da Mariña lucense, necesarias para a súa conectividade; e á mellora da conexión entre Vigo e O Porriño, desde o punto de vista de sinistralidade viaria.

20 de marzo de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.