publicidade hoxe

Feijóo destaca o compromiso cunha industria enerxética eficiente, respectuosa co medio e na primeira liña do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita á central térmica das Pontes de García Rodríguez

O presidente galego na visita á central térmica das Pontes de García Rodríguez

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta cunha industria enerxética eficiente, respectuosa co medio e na primeira liña do sector en España.

Deste xeito subliñou, durante unha visita ás instalacións da central térmica das Pontes de García Rodríguez, os plans de reforma nos cales está inmerso este complexo, cunha tripla aposta: co medio, xa que a construción de dúas novas plantas onde se eliminarán os gases producidos pola queima do carbón permitirán reducir as emisións contaminantes á atmosfera de acordo coas directivas europeas máis esixentes, antes dos prazos previstos; con Galicia, xa que con estas obras a central reforza a súa viabilidade e o seu carácter estratéxico; e co emprego na comarca de Ferrolterra, tanto a través da participación de empresas auxiliares da comarca para levar a cabo as construcións como dos profesionais que traballan na central.

Para garantir a complexa execución destas actuacións, Feijóo lembrou que o Goberno galego buscou a alternativa idónea para mellorar o proxecto, acordando unha nova vía de acceso ao municipio, coa previsión de que estea licitada no menor tempo posible.

Así mesmo, o titular da Xunta referiuse tamén ao obxectivo de Endesa de aumentar en máis dun 30% o seu parque eólico instalado en Galicia. Ao respecto, precisou que dos 21 parques eólicos que foron declarados como proxectos de especial interese, catro van ser desenvolvidos por Endesa, cun total de 92MW: tres instalaranse na provincia de Lugo e un na provincia de Pontevedra. E, xunto con estes, os plans de investimento da empresa na Comunidade recollen a instalación de 120MW máis noutros catro parques.

Deste xeito, o investimento previsto pola compañía en Galicia nos vindeiros anos alcanzará os 250 millóns neses 8 parques eólicos que, sumados ao investimento que está a facer na transformación desta central, ascenden a 475 millóns.

Ao longo da visita, Feijóo resaltou tamén a aposta mobilidade sustentable entre os seus empregados reflectida na instalación de electrolineiras na central.

O presidente do Goberno galego concluíu lembrando os retos marcados nas Directrices Enerxéticas de Galicia aprobadas recentemente no Consello da Xunta e entre os que destacou o de aumentar a produción de enerxía a partir de fontes renovables. Cunha mobilización de 3.000 millóns de euros ata 2020 e a instalación de máis de1.200 MW.

13 de marzo de 2018 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.