publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza a posta a disposición de 3 novas sendas peonís e ciclistas na estrada PO-552 no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras

Ethel Vázquez na visita ás obras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, avanzou hoxe a posta a disposición no verán de 3 novas sendas peonís e ciclistas na estrada PO-552, nos concellos de Vigo e Nigrán, cun investimento superior ao millón de euros

A intervención abarca a construción de tres itinerarios que se desenvolven entre Coruxo e As Roteas e A Estea, no municipio de Vigo, e en Priegue, no de Nigrán. Os traballos que se están a levar a cabo consisten na construción de sendas peonís e ciclistas ao longo de 2,3 quilómetros en 3 treitos concretos desta estrada.

Ethel Vázquez explicou que esta intervención suporá unha incidencia moi positiva para a mobilidade e a seguridade dos veciños de Vigo e Nigrán, xa que lles permitirá realizar os seus percorridos habituais dun xeito máis cómodo e seguro, nunha estrada cunha intensidade de tráfico superior aos 20.000 vehículos ao día nalgún dos treitos.

En canto o desenvolvemento das actuacións, a conselleira explicou que entre Coruxo e as Roteas, a senda construirase polas dúas marxes da estrada ata chegar á zona do pavillón de deportes, dando continuidade ás beirarrúas existentes en Coruxo. E desde o pavillón continuará pola marxe dereita ata a zona inicial de San Miguel de Oia.

Na Estea o itinerario construirase pola marxe dereita da estrada, xa que pola esquerda existe beirarrúa. Este treito localízase na travesía de San Miguel de Oia.

A terceira das sendas tamén se construirá pola marxe dereita da estrada, comezando na travesía de Priegue ata conectar coas beirarrúas xa existentes.

Os traballos de construción destas sendas peonís e ciclistas veranse complementados, tal e como dixo Vázquez Mourelle, coa mellora das paradas de bus existentes, a adaptación dalgunha intersección para facilitar os xiros na zona de Coruxo ou coa mellora da drenaxe nunha das curvas do treito de Priegue.

A intervención enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia que, na comarca de Vigo, recolle a construción de 11 novas sendas. Un plan que, tal e como subliñou Ethel Vázquez, xa ten avanzado nesta comarca, con 4 sendas rematadas e outras 4 en execución.

A Xunta ten garantido o financiamento ao terse incluído estas actuacións no programa operativo de Galicia dos fondos europeos Feder para o período 2014 -2020.

Supresión 5 puntos negros

Por outra parte, Vázquez Mourelle abondou noutras actuación de reforzo da seguridade viaria que o seu departamento vai a realizar nesta estrada, PO-552, onde se van a suprimir 5 treitos de concentración de accidentes, ao seu paso por Vigo e Nigrán. Estas actuacións forman parte da aposta da Xunta de ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

Neste intre a conselleira lembrou que xa se someteron os proxectos correspondentes á información pública e agora se están analizando as achegas recibidas, co obxectivo de licitar as obras no segundo semestre de 2018, cun investimento de preto de 2 millóns de euros.

Este proxectos están coordinados coas obras que visitou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e potenciarán o efecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada autonómica.

27 de marzo de 2018 | 14:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.