Ethel Vázquez: “as xestións da Xunta permitiron aforrar 400 millóns de euros por descontos en peaxes e conseguir que as obras futuras se financien cos orzamentos”

Intervención no Parlamento de Ethel Vázquez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que as xestións da Xunta en defensa dos intereses de Galicia en relación coa Ap-9 deron xa importantes froitos, tras permitir un aforro de 400 millóns de euros en subvencións de peaxe desta autoestrada estatal, así como o compromiso de que as futuras obras na vía se financien cos Orzamentos da Xunta e non con novas subas de tarifa.
En resposta a unha interpelación parlamentaria, a titular de Infraestruturas do Goberno galego incidiu en que a postura do Goberno galego mantense inamovible en relación coa Autoestrada do Atlántico, xa que a Xunta continúa a defender a transferencia da titularidade á Comunidade autónoma e traballando por ela nos foros en que corresponde.
A conselleira puxo en contraste esta postura coa incoherencia nacionalista, que votou en contra da transferencia da Ap-9 a Galicia cando formaba parte do Goberno galego, tempo, ademais, no que se pecharon acordos desfavorables para a Comunidade autónoma.
Así mesmo, indicou que a Xunta continúa a velar pola calidade do servizo que a autoestrada lle presta aos galegos e froito dese traballo, conseguiu que se constituíse unha comisión conxunta coa Administración xeral do Estado sobre a Ap-9 que permite que se escoite a súa voz e se trasladen os intereses de Galicia.
Ethel Vázquez incidiu en que ese foro conseguiu pór fin ao acordo pechado no ano 2006 polo goberno bipartito de Galicia co Ministerio de Fomento para sufragar con 7 millóns de euros anuais de fondos autonómicos a metade da subveción das peaxes de Rande e A Barcala, que pasou a ser custeada na súa totalidade polo Estado como titular da vía. Apuntou que o aforro ata o final da concesión da autoestrada chega aos 400 millóns de euros.
A conselleira explicou, ademais, se a Xunta conseguiu un cambio na planificación das obras na autoestrada, logo de que o goberno socialista en España, con José Blanco como ministro, blindara un negocio redondo para a concesionaria e ruinoso para os galegos que consiste en pagar as ampliacións con subas acumulativas de tarifa.
Nese sentido, a conselleira resaltou que a suba que se prevé aplicar nas tarifas da autoestrada se debe fundamentalmente a ese compromiso blindado polo Goberno socialista a través dun Real Decreto, que autoriza un incremento do 1% anual acumulativo durante 20 anos como compensación á concesionaria polas obras de ampliación da autoestrada en Vigo e Santiago. Tendo en conta que ese acordo pechado coa concesionaria establece un interese fixo anual do 8%, evidénciase que se trata dun “negocio redondo” para a empresa e ruinoso para os galegos.











