Declaración Institucional da Xunta con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller

Concentración pola igualdade. Foto: X. Crespo
Con motivo do Día Internacional da Muller, a Xunta de Galicia manifesta o seu compromiso en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, compromiso que se vén materializando desde hai anos no desenvolvemento de medidas e instrumentos xurídicos, económicos e sociais orientados á supresións dos obstáculos que aínda persisten nos distintos eidos e que impiden que a igualdade entre os sexos sexa real e efectiva.
O Goberno galego considera que o emprego é a principal ferramenta para combater a desigualdade. É necesario sumar todo o talento que, tanto os homes como as mulleres, poidan achegar ao desenvolvemento económico e social do noso país e, así consideramos preciso: impulsar a igualdade no acceso, permanencia e condicións no emprego, acabar coa discriminación e coa brecha salarial, avanzar cara á presenza equilibrada en todos os postos directivos e de toma de decisión conforme aos principios de mérito e capacidade, e fomentar o emprendemento feminino.
É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Por iso, é necesario unha clara aposta por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo. É por isto que non só seguirá a impulsarse a necesaria concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, senón que se reforzarán os recursos destinados á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.
O crecemento intelixente e sustentable que procuramos para Galicia precisa do potencial de todas e de todos, polo que continuaremos traballando no fomento da creación de postos de traballo para a poboación feminina e favorecendo o emprendemento desde a innovación, como motor de cambio e progreso do conxunto da nosa comunidade, con especial atención ao medio rural e á necesaria dinamización demográfica dos seus municipios.
É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres. Para iso, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero.











