publicidade hoxe

Convócanse as novas axudas para a instalación de ascensores e elementos de accesibilidade na vivenda, duplicando o orzamento ata os 2,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia convoca hoxe as novas axudas para instalación de ascensores e elementos de accesibilidade na vivenda, duplicando o seu orzamento ata os 2,5 millóns de euros e co obxectivo de beneficiar arredor de 850 fogares de toda Galicia.

Co gallo da publicación no Diario Oficial de Galicia destas axudas, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, presentaron esta mañá en Ferrol as novas deste programa de apoio en materia de vivenda e accesibilidade. Neste acto tamén estivo presente o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.

Ethel Vázquez inicio a presentación das axudas explicando que as mesmas responden ao obxectivo da Xunta de favorecer a accesibilidade e a mobilidade das persoas, de aí a súa importancia de dalas a coñecer e animar aos cidadáns a solicitalas, sendo unha medida moi útil e beneficiosa para vilas e urbes que, coma Ferrol, contan cun número de edificios e vivendas que non están adaptados ás persoas con mobilidade reducida.

As grandes liñas destas axudas foron detalladas por Ethel Vázquez, quen referiu que con carácter xeral as axudas financian o 60% do custo da actuación. No caso concreto de instalación de novos ascensores e elevadores as axudas poden chegar aos 4.500 euros para as vivendas unifamiliares e dúplex, ata os 28.000 euros para os edificios residenciais con máis de 8 vivendas e aos 35.000 euros no caso de edificios residenciais con 8 vivendas ou menos. Para a colocación de salva escaleiras e doutros dispositivos de accesibilidade, as subvencións acadan os 2.000 euros, ata os 1.000 para o caso de salva escaleiras de cadeira e, ata os 2.000 para salva escaleiras de plataforma..

Vázquez Mourelle dixo que todas as vivendas poden solicitar esta subvención, sen necesidade de estar dentro dunha área de rehabilitación e que os solicitantes disporán de máis tempo para a realización das obras.

Lembrou a consellería que esta liña específica de axudas foron impulsadas o ano pasado polo seu departamento, cun investimento de case 1,3 millóns de euros, propiciando a instalación de 59 ascensores, salva escaleiras e outros mecanismos de accesibilidade para dar servizo a un total de 434 vivendas. Os positivos resultados desa primeira convocatoria, tal é como explicou Ethel Vázquez, fai que se aposte novamente por activar estas axudas, que se poden solicitar xa desde mañá e ata o vindeiro 30 de maio.

Na súa intervención, a conselleira destacou así mesmo como nos últimos anos o Goberno galego vén poñendo en marcha distintas medidas lexislativas e axudas económicas, destinadas a favorecer a accesibilidade no eido da vivenda. Medidas, engadiu, que se complementan noutros campos coas políticas e actuacións que está a impulsar a Consellería de Política Social.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela salientou o compromiso da Xunta coa mellora da accesibilidade e, con ela, co aumento da calidade de vida das persoas, en especial dos maiores e daquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. Neste obxectivo enmarcou tanto as axudas para a instalación de ascensores en inmobles como as que se conceden aos concellos para a reforma de espazos e edificios públicos.

Ao respecto destas últimas, o titular da área social do Goberno galego lembrou que coa primeira convocatoria de achegas subvencionáronse actuacións en 18 municipios das catro provincias galegas por un montante global de 900.000 euros. E, ademais, engadiu que nestes momentos está a executarse unha segunda orde cun crédito superior ao millón de euros da que se benefician máis de vinte concellos.

Por último, Rey Varela insistiu en que a mellora da accesibilidade e a procura da inclusión plena “é un firme compromiso de todo o Goberno galego, no que cómpre a implicación do conxunto da sociedade”. Esta finalidade está recollida no novo incremento dos orzamentos autonómicos deste ano 2018, nos que a partida económica destinada á atención de persoas con discapacidade aumenta un 8,6% con respecto ao exercicio pasado, ata acadar case os 103 millóns de euros.

Encontro informativo

A continuación os conselleiros, acompañados polo director do IGVS mantiveron un encontro informativo con profesionais do sector inmobiliario da cidade, para presentar e analizar polo miúdo a batería de axudas existentes en materia de mellora e rehabilitación de vivenda. Ademais das axudas orientada á instalación de elevadores, no encontro informouse das oportunidades que veñen da man do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, os programas da consellería de Infraestruturas e Vivenda de Revitalización dos barrios históricos e a nova aposta pola rehabilitación que supón o programa Vivendas do Camiño e o Programa Rexurbe, así como do traballo que neste intre se está acometendo para sacar adiante unha Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana de Galicia.

26 de marzo de 2018 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.