Ángeles Vázquez defenderá en Bruxelas as demandas de Galicia diante da reforma da Política Agrícola Común

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reunirase mañá en Bruxelas co director xeral adxunto da Dirección Agri, Rudolf Moegele, para trasladarlle as necesidades e demandas de Galicia diante da revisión da Política Agrícola Común (PAC) máis alá do 2020. A nosa comunidade avoga polo mantemento dunha PAC forte, é dicir, ben dotada de orzamentos, simplificada e que teña en conta as necesidades de rexións como a galega, que ten a consideración de noveno territorio europeo en produción de leite e líder no ámbito español neste sector.

A conselleira, que estará acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agrolimentarias, Belén do Campo, defenderá que se manteña o apoio aos nosos agricultores e gandeiros, na súa condición de produtores de alimentos sans e seguros para a poboación e, polo tanto, do tecido agrogandeiro galego, fundamental tanto desde o punto de vista económico como social e mesmo ambiental.

A delegación galega incidirá na necesidade de vincular o futuro de Europa coa existencia dun rural vivo e dinámico e, xa que logo, coas políticas que impulsa a Xunta para paliar as consecuencias negativas do seu despoboamento e do envellecemento dos seus habitantes, unhas liñas de actuación para as que os fondos comunitarios son vitais.

Producións con selo de orixe

Os responsables da Xunta aproveitarán tamén a súa estadía na capital comunitaria para asistir ao evento organizado pola Asociación de Rexións Europeas para os Produtos de Orixe (Arepo). Esta entidade agrupa 31 rexións europeas e máis de 700 grupos de produtores.

Neste foro está previsto que participen, entre outros, os presidentes da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), José Montes, e da Asociación Española de Denominacións de Orixe (Origen España), Jesús González, que é ademais presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia.

20 de marzo de 2018 | 11:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.