publicidade hoxe

Adxudícase a redacción do proxecto para a reforma da estación de autobuses de Pontevedra, na que se prevé un investimento de 1, 5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, acaba de adxudicar o contrato de redacción do proxecto básico e de execución de reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra á empresa Manuel Vázquez Muíño. Este traballo foi adxudicado por un importe de 33.275 euros, dispón dun prazo de execución de 4 meses e o resultado permitirá acometer unha intervención de calado nas instalacións da actual terminal de autobuses, cun importe total de 1,5 millóns de euros.

Estas obras de remodelación da estación de autobuses forman parte das actuacións programadas para a estación intermodal de Pontevedra, que se complementa coas obras previstas de conexión desta terminal coa estación de ferrocarril, cuxo proxecto construtivo está xa en redacción e suporán un investimento de 2,5 millóns de euros.

As obras de adecuación do edificio actual da terminal consistirán na reordenación dos locais, dotación de mobiliario (bancos, zona de recepción) e ventás, reparación de humidades e acondicionamiento de superficies, teito e aseos, reparación da instalación eléctrica e renovación da iluminación.

Ademais, prevese actuar no exterior do edificio, mellorando a estética da fachada, acondicionándoa, renovando a cuberta aproveitando a luz natural, canalización e reparación des elementos de recollida de augas pluviais,etc.

A outra parte do proxecto da intermodalide en Pontevedra está centrada na conexión entre a estación de ferrocarril e a de autobuses, para o que se prevé a execución dun itinerario peonil desde a estación de autobuses ata a estación de tren, por onde se conectarán as estacións, mellorando o percorrido actual; eliminarase o acceso ás dársenas desde a rúa da estación; crearase un espazo público, no que se xerará unha praza e pavimentaranse as zonas de tránsito peonil; e acondicionarase o aparcadoiro coa zona de despedida e a parada de taxis e da explanada da estación de ferrocarril.

Así mesmo, levarase a cabo o novo acceso de entrada e saída de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti; reorganizarase a circulación dos autobuses na zona de dársenas; pecharase o ramal actual de entrada á estación coa liberación dos marcos de encauzamento do río Gafos e a adecuación da zona, ademais do peche perimetral da estación.

En total, o proxecto da estación intermodal de Pontevedra suporá un investimento de preto de 4 millóns de euros dos cales a Xunta achegará preto de 3 millóns e o Concello de Pontevedra 1 millón.

O Executivo autonómico reservou nos Orzamentos para 2018 unha partida duns 800.000 euros para avanzar nesta actuación, o que amosa seu compromiso con este proxecto estratéxico para a cidade de Pontevedra, que facilitará o intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte.

7 de marzo de 2018 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.