Ábrese unha consulta pública previa para recoller suxestións para a nova Lei do xogo
A Xunta vén de abrir unha consulta pública previa co obxectivo de recoller suxestións de cara á elaboración da nova Lei do Xogo de Galicia, que virá a substituír á anterior normativa, que data de 1985. A consulta, que se pode consultar no Portal de Transparencia, estará aberta ata o próximo 19 de maio.
O sector do xogo vén sufrindo numerosos cambios nos últimos anos, que superan a concepción tradicional desta actividade, con novos produtos, novas tecnoloxías e cunha maior xeneralización e implantación en todos os ámbitos da sociedade.
Coa finalidade de dar resposta a eses cambios, fóronse producindo modificacións na Lei de 1985, así como tamén se aprobaron novos regulamentos en cada sector do xogo, como por exemplo, no caso das máquinas recreativas e de azar, bingo, apostas, ou de casinos de xogos.
Agora, considérase necesario elaborar un novo marco xurídico que se adapte aos actuais usos sociais e ás necesidades de sector co fin de dotar á actividade dunha maior seguridade xurídica. Ademais, a nova lei permitirá unha uniformidade na regulación en materia de xogo, o que facilitará a súa comprensión e aplicación.
Os principais obxectivos deste texto pasarán por facilitar a unidade de mercado para mellorar a competitividade do sector do xogo en Galicia, simplificar a tramitación administrativa e procurar unha maior concienciación do que se entende como xogo responsable.
Entre as súas finalidades, destacan moi especialmente a de afondar nos distintos aspectos da publicidade dentro do ámbito competencial da comunidade autónoma; mellorar os controis de acceso ás salas de xogo; e modificar o réxime sancionador tendo como obxectivo a protección dos menores e das persoas con condutas aditivas. Isto é, trátase de favorecer un maior control no desenvolvemento desta actividade que permita a protección dos usuarios e consumidores.











