A Xunta valora as explotacións en control leiteiro oficial na concesión de axudas para recoñecer o esforzo pola mellora da raza
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ata o concello lugués de Guntín para visitar as instalacións da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Berlai, onde lembrou que o prazo para solicitar as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrarias, a creación de empresas para os agricultores mozos e o desenvolvemento de pequenas explotacións está aberto.
Alí aproveitou para salientar a relevancia que se lle dá nestas axudas tan destacadas para o agro galego a aquelas explotacións que estean no Control Leiteiro Oficial, como forma de recoñecer o esforzo daqueles gandeiros de leite na mellora da raza, primando así o correcto mantemento da sanidade animal, que contribúe ao bo status sanitario da cabana gandeira galega. E, por outra banda, refórzanse os criterios nos que se valoran os investimentos para reducir as emisións contaminantes de amoníaco e de dióxido de carbono, co fin de promover o carácter medioambiental destas axudas.
Tamén se fomenta, engadiu a conselleira, a figura da muller como titular dunha explotación, co fin de incrementar o seu peso no sector primario e darlle a relevancia que se merece. Neste senso, salientou que, das 140.930 explotacións rexistradas en Galicia, en 61.629 a titularidade corresponde a mulleres, é dicir, o 43,76% do total. “Pero podemos e debemos chegar a unha cifra aínda máis representativa porque o potencial da muller ao fronte dun negocio é incalculable”, engadiu a conselleira.
Axudas de gran interese para o sector
O prazo para presentar as solicitudes a estas liñas de achegas está aberto ata mediados do mes de abril e insistiu na importancia que teñen para a dinamización do rural, xa que teñen como finalidade mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade.
A orde de axudas contempla tres liñas de subvencións. A dotación para apoiar investimentos en explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora) sitúase nos 40 millóns de euros, a de incorporación de novos activos ao agro (agricultores mozos) nos 20 millóns de euros e a de desenvolvemento de pequenas explotacións nos 5 millóns.
Precisamente a SAT Berlai foi beneficiaria destas achegas en varias ocasións, recibindo o pasado ano unha subvención de máis de 250.000 euros para a construción dun corte, box para xatos, almacén e outras infraestruturas. En total, nos últimos anos a inversión realizada por sociedade ascendeu a preto de 900.000 euros e recibindo unha axuda de Medio Rural de máis de 450.000 euros, é dicir, o 50% do orzamento mobilizado.
En relación a esta liña de axudas (plans de mellora), a conselleira salientou que este ano se cambiaron os baremos co fin de incrementar o número de proxectos aprobados. Así, a contía máxima por beneficiario é agora de 500.000 euros fronte ao millón de euros de convocatorias pasadas.
Por outra banda, Ángeles Vázquez salientou que se establece como novo requisito nesta orde de axudas ter contratado un seguro agrario co fin de minimizar as perdas ocasionadas por efectos meteorolóxicos adversos. No caso de mozos que se incorporen á actividade agraria, este deberá pertencer ao Plan de Seguros Agrarios Combinados do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, excepto a liña de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.
SAT Berlai
Esta sociedade, integrada na Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira de Terras da Ulloa-Pallarés, dedícase á produción de leite de vaca e conta cun total de 410 reses. Ademais está dada de alta no Control Leiteiro Oficial cuns resultados positivos que evidencian o bo status sanitario desta explotación.











