A Xunta pon en marcha o Observatorio Galego de Acción Voluntaria como órgano asesor e dinamizador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Cecilia Vázquez na reunión do Consello Galego de Acción Voluntaria

Cecilia Vázquez na reunión do Consello Galego de Acción Voluntaria

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nunha reunión ordinaria do Consello Galego de Acción Voluntaria, máximo órgano de participación e coordinación do voluntariado da Comunidade Autónoma. Na xuntanza designáronse aos vogais das asociacións que formarán parte do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, nova entidade consultiva que inicia a súa andaina como asesora e dinamizadora da rede de voluntariado galego que está integrada por 40.000 persoas.

Os vogais nomeados representan aos preto de mil colectivos inscritos no rexistro de Acción Voluntaria nas áreas de servizos sociais, medio ambiente, protección civil, cooperación exterior, saúde, medio rural, educación, cultura e igualdade. A responsable do departamento autonómico de Xuventude, destacou o peso cada vez maior destas entidades que na última década creceron en número un 14% e que “son claves para entender porqué Galicia é unha das comunidades máis comprometidas e con maior índice de participación en materia solidaria, tal e como recoñece e o último informe da Plataforma do Voluntariado sobre a acción voluntaria en España 2016”, apuntou.

Xunto con estas entidades, no Observatorio Galego tamén están representadas as tres universidades galegas e o Instituto Galego de Estatística, ademais da propia Administración autonómica. Este órgano consultivo, que a Xunta aprobou a finais do ano pasado, contribuirá á participación das entidades e persoas voluntarias no estudo das súas necesidades e na análise da realidade social, así como na colaboración en materia de investigación e proxectos I+D+I, e na planificación, na xestión e no asesoramento, coordinación e avaliación das actividades desenvolvidas.

Por último, Cecilia Vázquez sinalou a importancia que terá o Observatorio como apoio aos voluntarios galegos, “que son, non o esquezamos, grandes impulsores da transformación social”.

O Consello Galego de Acción Voluntaria está integrado polas corporacións locais, designadas pola Federación Galega de Municipios e provincias (FEGAMP), as organizacións empresariais e sindicais, as universidades galegas ,as entidades de acción voluntaria e pola propia administración.

Por outra banda, o Consello abordou a celebración do XX Congreso Estatal de Voluntariado, que se desenvolverá en Galicia os días 28, 29 e 30 de novembro, para a designación dos representantes das entidades de acción voluntaria que formarán parte do comité científico e de expertos, ademais de contar con representación da Universidade, da Fegamp e do sector empresarial.

21 de marzo de 2018 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.